Xeoloxía espectacular: o río Tinto
O río Tinto é coñecido por ter unhas augas dunha característica cor avermellada e pola presenza de organismos pouco comúns.
Nace na Serra do Padre Caro (serra de Huelva) e, despois de case 100 km de percorrido, desemboca na ría de Huelva (océano Atlántico) xuntándose co Odiel.
A cor das augas do río Tinto é debida á meteorización de minerais que conteñen sulfuros de metais pesados que se atopan nos xacementos que hai ao longo do curso do río. A maioría son depósitos de orixe hidrotermal formados por pirita (sulfuro de ferro-II) e calcopirita (disulfuro de ferro e cobre). Unhas bacterias especiais (arqueobacterias) oxidan estes minerais e transforman os ións sulfuros en ácido sulfúrico liberando metais na auga.
A orixe destes xacementos minerais remóntase ao Período Carbonífero (hai 300-350 Ma) por depósitos hidrotermais sobre o fondo do mar.
Ao longo da historia diversos pobos explotaron os minerais (principalmente cobre, pero tamén ferro, plata, ouro e manganeso). Os íberos comezaron no 3.000 a. C., logo foi explotado por fenicios, romanos e musulmáns. No século XIX comezou a explotación mineira a gran escala, acadando a produción máxima en 1930. O cobre esgotouse en 1986, a plata e o ouro en 1996.
As augas do río teñen un pH entre 1,7 e 2,5 (moi ácido), con alto contido en metais pesados: ferro (o máis abundante), cobre, cadmio, manganeso... Os organismos que viven nestas augas son, na súa maioría, fotosintéticos e están adaptados a hábitats extremos. Algunhas especies de algas e fungos son endémicas deste río.
A NASA escolleu ao Río Tinto como hábitat a estudar pola súa posible semellanza co ambiente do planeta Marte. Un experimento con participación do Consello Superior de Investigacións Científicas confirmou a posibilidade de que determinados tipos de organismos poidan sobrevivir nas especiais condicións do planeta Marte.