Xaneiro

10 Febreiro 2011
bimbieiros

Xaneiro é o primeiro mes do ano no calendario gregoriano e ten 31 días. Ata o século XVI o ano novo celebrábase en marzo. 

O nome ven do latín ianuarius, polo deus Xano (en latín Janus), representado con dúas caras, o deus das portas (entrada e saída) ou do comezo e o final.

A pedra de xaneiro é o granate a a flor o caravel.

Algúns días sinalados son o 1, Ano Novo, o 6, día de Reis ou o 30, Día da Paz.

Neste mes a maioría das árbores están sen follas, as mimosas, as camelias, as amieiras, os eucaliptos e os grelos botan flores. Lábranse e fertilízanse as terras e e pódanse e átanse as vides. Os osos e as culebras están hibernando e os gatos andan ás “xaneiras” buscando parella.

O tempo atmosférico foi bastante estable, agás a primeira semana na que houbo fortes inundacións. A temperatura media foi de11,15 ºC. Choveu catorce días e o vento predominante foi o nordeste (18 días). O refacho de vento máximo foi o día 21, cunha velocidade de74,88 km/h. Os días aumentaron 50 minutos.

Algúns refráns:

-Xaneiro xeado e abril mollado enchen o faiado

-Cando as rans cantan no xaneiro, sinal de fame en todo o eido

-Seco xaneiro, abundancia no graneiro

-Se queres ter bo alleiro plántao no xaneiro

-Quen labra no xaneiro labra para o ano enteiro.

-En xaneiro, lume na lareira e porco no fumeiro.

-O vinteún de xaneiro ten unha hora por enteiro.

Segundo a tradición os primeiros doce días do mes de xaneiro son as sortes e predicen como vai ser o tempo nos meses do ano. Así, o tempo que fai o día 1 será o tempo que fará en xaneiro, o do día 2 corresponderá a febreiro...