A voltas pola Arousa (I). O Carreirón

Xea
6 Xuño 2012
Carreirón1

A Illa de Arousa é un magnífico lugar para pasear e para gozar da tranquilidade, dos horizontes abertos, da frescura do aire, das luces incomparables da mañán ou do solpor, da natureza e a paisaxe, e do mar. E para facer todo esto máis doado conta con percorridos variados, atractivos e ben acondicionados.

A Illa de Arousa é un lugar que merece ser visto e paseado sen deixar atrás ningún dos seus recunchos porque en toda ela, e en calquera lugar, podes ser sorprendido: pola propia illa, a xente ou a natureza.

Ver xurdir o sol paseando as praias nas que o mar susurra máis que berra, moverte por lugares onde aínda o natural non está de todo perdido. Contemplar a armonía caótica, e chea de contrastes, entre a natureza e a obra humana sen darlle demasiada importancia a algún “tropezo” evitable ou inevitable .

Hai moitas illas da Arousa na Illa da Arousa: a Illa da Arousa das praias, a dos cons, a dos peiraos e os barcos na que destacan pola forma, a historia e as cores, as dornas, a illa da Arousa dos camiños a illa da Arousa natural e a illa da Arousa da xente…..

Percorridos de facil camiñar, agás en curtos tramos sen acondicionar ou fóra dos tramos acondicionados, con poucos desniveis. Percorridos que poden ser partidos ou combinados segundo o estado de forma do camiñante. Unha proposta axeitada se se dispón de tempo suficiente e non se quere encher un de andar pode ser a de facelo en catro veces cunha media de 6 a 8 kmcada vez.

Ruta do Carreirón.

Circular polo perímetro do espazo protexido. Para gozar da paisaxe e dunha rica flora e fauna nun espazo natural que forma parte do LIC “Ons O Grove” e está protexido tamén como ZEPA e humidal RAMSAR.

O Carreirón ocupa unha península na parte sur da Illa de Arousa cunha gran diversidade de ecosistemas: areais e praias, dunas, zonas rochosas, mato e áreas húmidas... A flora de maior valor ecolóxico atópase nas dunas onde se poden localizar numerosas especies protexidas. É lugar de invernada de limícolas: píldora cincenta, mazarico, bilurico, pilro... tamén se poden ver garzas, corvos mariños, parrulos, mergos...

COMO CHEGAR: despois de cruzar a ponte collemos un desvío á esquerda na segunda rotonda e seguimos os indicadores ata o aparcamento. A ruta segue a liña de costa e está indicada.

Carreirón