Visitamos o Museo Xeomineiro de Madrid
Na visita que fixeron os alumnos de 1ª de Bacharelato A a Madrid o xoves 16 de Marzo, un dos lugares que visitaron foi o Museo Xeomineiro.
Este museo inaugurouse o 24 de Maio de 1926, fai este ano 88 anos. A súa función é a conservación, investigación, difusión e divulgación da riqueza do patrimonio mineralóxico, xeolóxico e paleontolóxico do noso país.
Nesta visita, os alumnos tiveron a oportunidade de aplicar os coñecementos aprendidos durante as clases de xeoloxía impartidas durante o curso, ademais de poder observar uns exemplares espectaculares de rochas, minerais e fósiles.
Ó entrar pola porta principal, á esquerda, o primeiro que podemos observar é unha rocha de grandes dimensións con cristais de cuarzo no seu interior. Antes de chegar a sala principal, onde se atopa a exposición, atópase un corredoiro no cal hai unha serie de pequenas vitrinas, maioritariamente con fósiles de todos os tamaños no seu interior. Logo cando se entra pola porta que da á exposición, vense na súa totalidade as plantas do museo e as vitrinas onde se atopaban as rochas e os minerais.
Na planta baixa atópanse exemplares de rochas e minerais únicos e espectaculares, acompañados dos seus nomes, dimensións e a súa fórmula química. Na primeira e na segunda planta atópanse os exemplares de fósiles e rochas de menor tamaño acompañados dos seus nomes e paneis expositivos.
Ós alumnos, en xeral, chamoulles moito a atención os nomes tan peculiares dalgunhas rochas e minerais como por exemplo: Chorlo, Alofona, Cinabrio, Celestina, Barita… E tamén as curiosas estruturas que a natureza pode chegar a formar, como os perfectos cubos de Pirita.
En resumo, calquera amante da xeoloxía que desexe contemplar exemplares únicos e espectaculares, este é o lugar idóneo para atopalos e pasar un rato agradable contemplándoos.