Visita a Yellowstone
A pasada fin de semana puiden facer unha moi interesante escapada. Levo menos de un mes vivindo en Salt Lake City (Estados Unidos) e froito da casualidade sumeime a unha curta viaxe ao Parque Nacional de Yellowstone, aproveitando que a fin de semana era máis longa do normal (aquí celebramos o Día do Traballo, que en Europa é o 1 de Maio).
Yellowstone é o parque natural máis antigo deste país, o máis popular en afluencia e seguramente o máis famoso alén dos Estados Unidos. Ademais de antigo, é un espazo moi extenso, o dobre que a provincia de Pontevedra, para que vos fagades unha idea.
Tardamos algo máis de seis horas en chegar ao parque, logo de pasar polos Estados de Utah, Idaho e Wyoming, no que se atopa a maior parte de Yellowstone. A primeira cousa que chama a atención é que ao entrar nun parque natural é preciso atravesar uns postos como os das nosas autopistas para pagar unha taxa de entrada (arredor de 18 euros por coche) que che cobran os gardas do parque –os do sombreiro simpático, quen teña visto os debuxos do Oso Yogi sabe a que me refiro-.
A partir de aí entras nunha rede de estradas propias do Parque, que levan a un enorme circuito en forma circular polo que un montón de coches, máis todoterrenos e aínda máis caravanas, transitan.
Nos tres días que estivemos visitando Yellowstone puiden distinguir varias zonas diferentes. Unha é o lago, un lago enorme, tanto que se non o pensas pode pasar por mar.
Outra é a zona do Canón de Yellowstone, o parque toma o seu nome de aquí (“pedra amarela”) xa que as empinadas ladeiras do Canón son predominantemente desta cor, pola presenza de ferro e xofre no solo. Tivemos a oportunidade de ver neste tramo algunhas fervenzas impresionantes, aínda que houbo que descender a pé durante un bo treito para unha delas (e xa estamos afeitos á perezosa vida americana). Valeu a pena, sen dúbida.
Hai logo un espazo aberto e chan onde os visitantes teñen moi boa visibilidade e os coches se agolpan para contemplar a fauna. Durante o tempo que estivemos no parque vimos bastantes bisontes, algún cervo, águias, e outros animais. Desgrazadamente quedámonos coas gañas de poder ver un alce (que ao parecer son enormes) e tampouco nos topamos con ningún oso, a pesar de que hai continuas advertencias sobre o perigoso que pode ser o encontro. Especialmente no camping, onde se nos obrigaba a gardar a comida no coche para que non tiveramos visitas nocturnas. Non nolo tiveron que dicir dúas veces, claro!
Por último hai neste parque algo moi especial, que é a actividade xeotérmica. Yellowstone é unha gran caldeira dun “supervolcán” e grazas a esa calor que retén a auga subterránea sae á superficie moi quente. Os xéiseres son a mellor proba desta actividade. Visitamos varios, pero hai un (o “Old Faithful”) que é máis transitado porque expulsa chorros de auga fervendo a gran altura aproximadamente cada hora. Outros son impredecibles. A parte dos xéiseres hai cantidade de pequenas lagoas e regatos de auga quente que deixan unha variedade de cores no chan pola presenza de minerais e tamén de bacterias. E tamén cheiros, xa que a auga que sae é apestosa; concretamente cheira a “ovos podres” por culpa da presenza de ácido sulfídrico.
Foi unha viaxe preciosa, quizais o clima non era o axeitado para facer acampada (polas noites a temperatura caía por debaixo dos cero graos) pero a boa compaña e a cantidade de cousas marabillosas que hai que ver neste Parque fan que quedes con ganas de voltar; ou de descubrir novos espazos coma este.