De visita con "GUIMATUR". Turismo mariñeiro.
O pasado 8 de abril os alumnos de 3º ESO D fixemos unha saída didáctica para coñecer mellor o traballo de marisqueo no noso pobo. Para iso puxémonos en contacto con GUIMATUR, unha asociación de mariscadoras de Cambados que se adican a promover o coñecemento e a cultura en torno ao mundo do marisqueo tradicional.
A xornada comezou as 8:45 horas, que nos xuntamos no Asorey para ir ao garaxe de María Xosé (Presidenta de Guimatur). Alí María, repartiunos roupa para poder traballar porque facía mal tempo. Saímos do seu garaxe, e fomos andando ata a Torre de San Sadurniño. Nese emblemático lugar explicounos en que consistía o marisqueo a pé, como se seleccionaba as ameixas e que aparellos utilizan.
Logo, mollamos as botas para ir xunto as mariscadoras, onde observamos como traballaban e axudamos a recoller ameixas. E aprendemos que os mariscos se recollen en función de diferentes medidas ou tallas:
- Ameixa bicuda/bruxa: 20 mm
- Ameixa babosa: 38 mm
- Berberecho: 28 mm
- Navalla: 100 mm
- Longueirón: 80 mm
- Caramuxo 15 mm
Máis tarde, fomos a nave onde pesan o marisco e o seleccionan para levar á lonxa e ser poxado; a este lugar se lle chama punto de control. Alí vimos que o metían nunha máquina para seleccionalo por tamaños e pesalo. E unha vez metido en caixas, cárganse no camión para levalos á lonxa. Ao saír do punto de control, entrevistamos a María Xosé, quen nos contestou as nosas preguntas e dúbidas.
Despois, collemos o coche e fomos a visitar ás redeiras, ao porto de Tragove, das cales dúas forman parte do grupo de Guimatur.
Logo de ver o traballo das redeiras e de ter unha conversa con elas marchamos á última parte da nosa visita; á lonxa, onde nos explicaron como se vendía o peixe e o marisco. Ao final, tamén vimos como descargaban o camión e colocaban as caixas nuns mesados metálicos para ser puxado horas máis tarde. E velo aquí, a nosa visita turística co programa de Guimatur.
Na nosa saída visitamos ás redeiras.
Tamén estivemos coas redeiras, que nos explicaron no que consistía o seu traballo, é dicir, arranxar as redes dos barcos ou xuntar panos para formar grandes aparellos. O de redeira é un dos traballos máis tradicionais do mar de Cambados. Moitas delas traballan no porto de Tragove onde teñen a súa propia nave.
A súa xornada de traballo pode ser de catro, oito, ou dez horas diarias e o soldo é variable e sitúase entre os 500 ou 600 euros ao mes pagado polos armadores para os que traballan. Despois de estar con elas decidimos que nunhas datas próximas volveriamos para facer unha entrevista formal.