Vigo no espazo

28 Outubro 2014
FemtoXat

O terceiro satélite da Universidade de Vigo será un modelo único no mundo, aínda que non se enviará ao espazo ata a segunda metade do 2015. Neste proxecto trabállase dende o ano 2011. Entre as súas particularidades o FemtoXat destaca por ser fabricado integramente mediante impresión 3D en metal e polímero. Ademais, é compatible co estándar cubesat, polo que poderá ser posto en órbita usando os mesmos dispositivos que os cubesats. Outra das características é o seu deseño que implica a miniaturización dos compoñentes mecánicos e electrónicos. O satélite situarase a 600 km de altura unha vez lanzado ao espazo. «Nin en España nin no mundo existe outro satélite como FemtoXat», explicou José Antonio Vilán, investigador principal do proxecto, coordinado por Fernando Aguado.

FemtoXat1

Quince persoas de Telecomunicacións, Industriais e Informática da Universidade de Vigo traballan no proxecto, que se encontra na fase C, onde se decide a configuración final do satélite. Despois desta etapa, fabricaranse os modelos de voo para comprobar que todo funciona correctamente. O obxectivo do FemtoXat é formar parte como repetidor da rede Humsat, posta en marcha en colaboración coa ONU e a Axencia Espacial Europea para fomentar as capacidades do sector espacial, sobre todo en países emerxentes.