Ver de novo

3 Decembro 2014
Ollo-celula

Segundo demostrou unha investigación realizada por un dos grupos líderes mundiais en medicina rexenerativa de EEUU, é posible obter  células nai, diferencialas no tipo celular desexado e transplantalas a un paciente humano para tratar unha enfermidade sen que estas sexan rexeitadas e non xeren ningún problema nin tumores.

Este traballo foi liderado polo director científico de Advanced Cell Technology, Robert Lanza, conseguindo demostrar a seguridade do uso terapéutico das células nai e incluso logrando resultados positivos no tratamento das dúas enfermidades oculares que supoñen a primeira causa de cegueira nos países desenvolvidos, xa que provocan a morte do epitelio pigmentario da retina e dos fotorreceptores.

Neste estudo, empregáronse  células nai embrionarias  humanas para tratar a 18 persoas con algún trastorno na retina.

Para o traballo, primeiro obtiveron células nai a partir dun embrión humano sobrante dun proceso de fertilidade e logo atoparon a receita química para lograr que as células pluripotenciais se transformen nas células desexadas, que neste caso son as células do epitelio pigmentario da retina, que protexen aos fotorreceptores e permiten a visión. Por último, transplántanse as células xa diferenciadas á retina do paciente para asegurarse de que se integran no tecido e realizan a súa función, insertando estas células só nun dos ollos para poder ver a diferencia. Nos resultados obtívose que 10 dos pacientes melloraron notablemente a súa visión, mentres que  7  non tiveron cambios ou melloraron moi pouco e só 1 empeorou a visión.

Os investigadores sinalan que é importante tratar as enfermidades oculares  o antes posible e co número adecuado de células, e aínda que o número de pacientes no estudo foi demasiado pequeno para sacar calquera conclusión referente ás doses de células que se deben empregar para lograr mellorar a visión, puideron ver os maiores avances utilizando doses máis elevadas.

O ollo é unha das primeiras partes do corpo humano que se beneficia desta tecnoloxía, o que non é casualidade, xa que son órganos que están moi illados do sistema inmune, polo que reduce o risco de rexeitamento. Ademais, o ollo é capaz de tolerar células estrañas sen provocar unha resposta inmunitaria.

cegueira-células nai