A vendima deste ano

5 Septembro 2011
vendima

A vendima deste ano adiantouse máis ca nunca, sobre uns 15 ou 20 días con respecto ao ano anterior.

Ninguén podía pensar que a vendima comezaría no mes de agosto, pero semella que na natureza as cousas están a cambiar.

Hai diferentes opinións con respecto á razón deste adianto e mentres que algúns defenden que se trata dun adianto dun simple ciclo, outros asóciano ao Cambio Climático. O certo é que a uva cada vez madura antes e este ano podería terse batido un record histórico, de non ser porque as temperaturas do mes de xullo foron máis baixas que o normal.

Este ano tivemos unha das primaveras máis secas e cálidas dos último  50 anos. O meses de abril e maio, -temperatura media de 3º C máis alta que o 2010-  foron especialmente axeitados para o desenvolvemento das uvas.  As primaveras, cada ano, están a ser máis secas e calorosas, razón pola cal se están a desenvolver diferentes investigacións, no campo da enoloxía, que tentan definir que efecto pode ter o cambio climático sobre a maduración da uva. Algunhas das nosas adegas, como é o caso de Martín Códax, levan anos investigando o efecto do quentamento global sobre o proceso de maduración da uva.

O 80% das rexións vitivinícolas do mundo, nos dez últimos anos, experimentaron un adianto da vendima de entre 8 e 10 días. Pero estas non son sempre boas noticias porque de seguir neste ritmo, o cambio climático poderá ser o causante de problemas para as vides en forma de diferentes pragas. Ademais, a longo prazo, as condicións climáticas no Salnés deixarían de ser as axeitadas para este tipo de cultivo, mentres que outros países do norte de Europa, que hoxe non teñen boas condicións para o crecemento da vide, no futuro, de seguir o quentamento global, poderían acabar tendo mellores condicións climáticas que as nosas para o cultivo da vide. Con este caso estamos a vivir un exemplo próximo que nos demostra que o Cambio Climático está a influír xa nas nosas vidas e na nosa economía.