A unión fai a forza
Debido á industrialización, durante o último século, a cantidade de contaminantes producidos incrementouse nunha gran cantidade. Esta contaminación, acaba afectando ó aire, á terra e, como non, ás augas, un recurso indispensable para o ser humano.
En Colombia só 30 por cento das augas residuais son tratadas. Este tratamento faise a través da fotocatálise solar, un proceso químico cuxa única fonte de enerxía é a enerxía solar, e que mellora a calidade das augas contaminadas.
Este método para a eliminación de contaminantes orgánicos, foi utilizado por Sandra Milena López Zamora, enxeñeira química da Universidade Nacional (UN) de Colombia, para tratar de buscar o material ideal que axudara a mellorar as propiedades foto-catalíticas do dióxido de titanio (TiO2 ), que é moi utilizado neste tipo de tratamentos pola súa alta eficiencia na conversión da enerxía solar. Ademais, o dióxido de titanio, non é tóxico, posúe alta estabilidade (non é reactivo) e resulta económico, o que o fai idea para ser utilizado na descontaminación de augas.
A maneira na que funciona este composto é sinxela, ante o contacto coa luz solar, o dióxido de titanio activa o seu efecto catalítico, producindo un composto altamente reactivo que oxida os compostos orgánicos das augas residuais (que son os principais contaminantes), e convérteos en sustancias menos contaminantes.
Neste traballo de investigación, impregnouse o dióxido de titanio en metais coma cobalto, ferro, cobre ou molibdeno. Na avaliación dos tres primeiros, non se mellorou a actividade do composto, senón que se diminuíu, en cambio, cando se comprobou os efectos do molibdeno, observouse que este si melloraba as propiedades do dióxido de titanio que se pretendían potenciar, polo que isto axudaría ó dióxido de titanio a degradar augas contaminadas, especialmente por fenol, un dos compostos que máis afecta á auga, e que provén de residuos industriais de determinadas fábricas.
O que se trataba de conseguir impregnando o óxido de titanio con molibdeno, era lograr unha transformación completa dos compostos orgánicos presentes na auga en inorgánicos, polo que todo contaminante se convertería en dióxido de carbono e auga, que son biodegradables e menos perigosos para o medio.
A necesidade de conservación e tratamento de augas incrementou o interese pola súa reutilización e reciclado, polo que é necesario que as augas estean en bo estado, especialmente aquelas que proveñen de afluentes contaminados por industrias químicas, polo que este descubrimento podería supoñer un gran avance neste campo.