Unha semana en Granadilla
Durante o pasado mes de decembro un grupo de alumnos e alumnas do IES Asorey viaxaron ata o pobo de Granadilla, no norte de Cáceres, case no límite coa provincia de Salamanca. Durante este tempo participaron en labores de mantemento do pobo coidando os xardíns, mobiliario e interiores das casas desta vila, que foi abandoada nos anos 60 a raíz da construción do encoro de Gabriel y Galán, o que supuxo a inundación das terras de cultivo que rodeaban este pobo amurallado de posible orixe árabe, obrigando a súa poboación a abandonar as súas casas. Esta vila, que acadou un gran protagonismo durante a Idade Media grazas a súa estratéxica situación na Vía da Prata, caeu entón nun total abandono, ata que no ano 83 o goberno promoveu o "Programa de Recuperación y Utilización Educativa de Pueblos Abandonados" que supuxo o inicio das obras de restauración deste pobo, xunto con Búbal en Huesca e Umbralejo en Guadalajara e que estes lugares voltaran a ver as súas rúas e casas ocupadas por grupos de estudantes que participaban activamente nas labores de recuperación, ao mesmo tempo que se mergullaban na forma na que vivían os habitantes orixinais deste pobo, familirizandose coas labores propias do medio rural, como agricultura e gandaría e o seu entorno social, cultural e natural.
Esta estancia foi compartida con estudantes do IES Tierra de Campos de Villalpando (Zamora) e o IES Leonardo da Vinci de Alicante, sendo a segunda ocasión na que o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía organizaba a participación neste programa mediante a presentación dun proxecto que foi considerado positivamento pola comisión seleccionadora, dándose a circunstancia de ser o único centro galego participante neste progama no actual curso lectivo.
A continuación amosamos unhas presentacións elaboradas polos alumnos e alumnas participantes, nos que se trata de establecer unha relación entre a arquitectura tradicional e adaptación ao medio natural e social dun lugar tan único e especial como Granadilla.