Tremores en Nepal
O pasado sábado 25 de Abril rexistrouse en Nepal un terremoto de gran intensidade, deixando ata o momento 6.200 mortos e 14.000 feridos.
Nepal, país fronteirizo ao norte con China e ao sur coa India, sufriu no distrito de Lamjung (situado a 81 kilómetros da capital, Katmandú) un sismo de 7,8 graos na escala Richter, seguido dunha réplica ao día seguinte dunha intensidade de 6,7 graos, e pouco tempo despois a esta réplica seguina outra de 5 graos. Ata o día de hoxe lévanse rexistrado dende os diferentes sismógrafos 48 réplicas que oscilan dende os 3,5 graos ata os 6,7, pero as máis fortes foron as citadas anteriormente.
Nepal, pola súa posición xeográfica, é un país cunha forte actividade sísimica, xa que está situado nun bordo continental, é dicir, nunha zona de colisión entre a placa euroasiática e a placa indoaustraliana, feito que orixinou hai 70 millóns de anos que se formase o Himalaia e que, actualmente, ao seguir este choque entre as dúas placas, este siga aumentando o seu tamaño e se sigan producindo tremores de grandes magnitudes. A pesar do recente do suceso, xa se están rexistrando cambios na xeografía do país, aumentando o Everest o seu tamaño uns decímetros e sendo a capital do país desprazada 1,65 metros ao sur e 1,26 metros en altitude.
O terremoto que azotou ao país foi o máis forte rexistrado dende 1934, data na que se rexistrou un sismo dunha magnitude de 8,3 graos. Cabe sinalar que os tremores tamén afectaron a China, Bangladés e Bután, pero en menor medida. Tamén hai que engadir que, a pesar de ser un terremoto de grande intensidade, os danos poderían ser moito menores se se tivesen as medidas adecuadas como en Xapón, país no que tamén son frecuentes os movementos sísmicos debido a que está situado enrriba dunha zona de subducción, pero que rara vez producen danos debido as fortes medidas de seguridade, como por exemplo os edificios, feitos de aceiro (que absorbe os golpes) e equipados con amortiguadores.
A día de oxe, moitos países están prestando axuda internacional ao Nepal debido a gravedade da catástrofe. Dende España, ademáis da axuda dada polo goberno enviando un avión de emerxencia con produtos de primeira necesidade, enviarase ademáis o Airbus 310 da Forza Aérea Española para evacuar aos españois xa localizados.