Traxedia no Olimpo

23 Outubro 2013
Pindo-fer

Este pasado verán producíronse, como ven sendo habitual nos últimos anos, una vaga de incendios que afectaron a gran parte das paraxes galegas. O incendio máis devastador foi o que ocorreu no Monte Pindo no mes de Setembro.

O Monte Pindo  denominado polo  Padre Sarmiento  como o “Olimpo celta”comparando a súa beleza ca do Olimpo, ten 641 metros de altitude e unha extensión total dunhas 4.629 hectáreas, a maioría no concello de Carnota. É un lugar onde, dende a antigüidade, historiadores, xeógrafos e escritores fixeron referencia a súa  grandiosidade e ao misterio que propicia as numerosa lendas e mitos que xorden ó redor das súas covas.

Antes de que acontecese o incendio xa existía a Asociación Monte Pindo Parque Natural  que estaba loitando por converter O Pindo (e os seus arredores) nun novo Parque Natural cos principais obxectivos de protexelo e preservalo para as xeracións futuras. Ademais de cumprir todos os requisitos, posúe tres marcas en Galicia:  ter a praia máis extensa de Galicia con 7 km de lonxitude e 1 Km de anchura, cunha lagoa no interior; posúe a única fervenza  (de 40 metros de altura)  que cae directamente sobre o mar; e por último, atópanse os piornos máis longos de Galicia, con máis de 30 metros. Por outra banda O Pindo é un lugar importante dende o punto de vista biolóxico xa que se atopan especies moi raras como é o caso do carballo anano, unha especie  de carballo que so se localiza no sur da península e no norte de Marrocos. Ou incluso en perigo de extinción como o lirio de monte. Pero o máis impactante son as súas incribles paisaxes.

Pindo-Carnota

Praia de Carnota desde o alto do Pindo

O incendio provocado que se produciu o 11 de Setembro arrasou con 2.377 hectáreas, o aspecto das montañas é desolador, e as lapas atravesaron o río Xallas poñendo así en perigo  a central eléctrica. Este foi o incendio máis grave de Galicia deste ano, que destruíu unha paraxe única cunha gran valor ambiental. Dende a Asociación  Monte Pindo Parque Natural convocáronse marchas verdes para reivindicar a súa recuperación. O incendio intentouse atallar o antes posible, traballaron niso 65 axentes forestais, 104 brigadas, 56 motobombas, unha pala, 13 helicópteros e oito avións, así como efectivos da UME. A pesar dos esforzos, o Pindo quedou devastado. Sete anos despois dos grandes incendios, o lume volve a destruír unha enorme riqueza paisaxística e unha reserva natural onde había centos de especies catalogadas.

Como resposta a esta traxedia xurdiron moitas asociacións co obxectivo de concienciar os galegos sobre a destrución do medio ambiente en Galicia e tamén para denunciar o abandono dos nosos montes, por iso o pasado 6 de Outubro fíxose unha manifestación contra os incendios forestais na que participaron máis de 80 entidades sociais.

Despois dun mes, e debido as chuvias, o monte empeza a recuperarse. Hai indicios de rebrotes e as cinzas empezan a asentarse. Ademais tomáronse medidas como colocar palla para asentar a capa vexetal máis castigada polas lapas. Por outra banda un pintor tivo a iniciativa de contrarrestar a negrura dos troncos con arte, facéndolle debuxos con círculos e líneas en branco. 

Pindo-inc