Transxénicos: a nosa salvación?

17 Xuño 2015
transxénicos

O seres humanos caracterízanse, entre outras cousas, pola súa inconformidade e capacidade de adaptar o medio ás súas necesidades, pero ata que punto son capaces de cambiar a natureza para satisfacer as súas exixencias?

A humanidade logrou aumentar a produción e calidade dos alimentos grazas á modificación das plantas dende o Neolítico, pero a poboación nesta etapa da historia non é nada comparada coa actual, e menos aínda coa que se prevé para os próximos 50 anos, nos cales os seres humanos terán que producir máis alimentos dos que cultivaron ó longo de toda a súa historia, e esta vez cos inconvenientes que supoñen os efectos do cambio climático. A pesar de que no último medio século a poboación mundial duplicouse, o rendemento dos cereais multiplicouse por tres, debido ó aumento da superficie cultivada, a auga e ós fertilizantes empregados: Sen embargo isto xa non é suficiente, o que nos leva á necesidade de aumentar o coñecemento básico da xenética de plantas para conseguir que estas sexan máis eficientes e aumentar así a súa produción sen necesidade de incrementar o espazo, auga e fertilizante.   

Aínda que, na actualidade, a modificación xenética semella ser algo moi novidoso, este proceso lévase a cabo dende hai máis de 10.000 anos, mediante a selección das características que mellor servían de cada planta, dirixindo en gran medida a súa evolución. Hoxe en día, as modificacións xenéticas realízanse en laboratorios especializados, nos cales os científicos illan e copian os xenes coas características necesarias, transfírenos ós xenes das plantas mediante un “canón de xenes”, unha bacteria do solo ou un material chamado protoplasto e por último verifican que os xenes inseridos funcionan segundo o esperado e que aparecen nas sementes da planta. Segundo os encargados de levar a cabo este proxecto, os transxénicos non son a solución definitiva, pero é necesario diminuír a alarma social xerada sobre eles, xa que estes seguen un estrito control de riscos e, ademais, estas variacións producíronse constantemente nas plantas, e incluso nos anos 50 chegaron a usarse raios x para provocar modificacións que se atopan en moitos alimentos actuais, polo que, sen estes avances, resultaría moi complicado satisfacer as necesidades alimenticias do futuro e mellorar as especies que comemos.