Tomar aire

4 Maio 2015
 traqueobroncomalacia

Tres bebés de tres, cinco e dezaseis meses conseguiron sobrevivir a unha enfermidade respiratoria incurable grazas a unhas férulas de impresión 3D.

Estes nenos sufrían  traqueobroncomalacia, unha enfermidade que provoca o colapso da tráquea e que non lles permitía respirar, porén, un grupo de investigadores do Hospital infantil C.S. Mott (Michigan, EEUU) desenvolveu unhas férulas de forma personalizada mediante impresión 3D con tecnoloxía láser. Este equipo de expertos en otorrinolaringoloxía, enxeñeiros biomédicos e ciruxiáns creou as férulas con forma de pequenos tubos baleiros e porosos, con pequenos buratos.

Isto supuxo un gran avance na medicina, especialmente nos rapaces que sofren esta enfermidade, e ademais, cabe destacar que os tres rapaces atendidos tiñan unha variedade diferente desta afección, polo que a dificultade foi aínda maior.

Para crear as férulas, os investigadores baseáronse en imaxes topográficas, que se obteñen a partir da combinación de diversas radiografías, manipuladas mediante software. Así mesmo, contar coa impresión 3D permitiulles axustalas a escala submilimétrica segundo as características de cada bebé.

 traqueobroncomalacia1

Tras conseguir a férula, esta foille implantada aos bebés e o que se fixo foi coserlla entorno ás vías respiratorias. Coa expansión da tráquea e os bronquios e co crecemento das vías respiratorias, tamén se abrirá a suxección debido ao seu deseño, sen impedir o desenvolvemento do rapaz

Tras un ano despois de ser implantada,  a propia férula comeza a disolverse, xa que está feita dun biometal 4D, isto é, un dispositivo impreso en 3D feito para cambiar co tempo. Agora os rapaces xa non precisan de respiración asistida nin de alimentación intraveosa e en moi pouco tempo terán unha tráquea igual á dun rapaz calquera. Isto impulsou o desenvolvemento de novos dispositivos para tratar a enfermidade pero esta vez destinados a adultos.