Subín a Pena Trevinca!!

4 Xullo 2011
Trevinca2

Oito da mañá, non vai frío nin calor, parece o momento óptimo de empezar unha aventura que non estou moi segura de acabar. Pero imos aló

Agora toca gabear polos cumes, nalgúns tramos hai lombos e o carreiro ainda é algo ancho pero noutros hai terrapléns por un lado e polo outro, case todo o tempo, pola dereita, vese un  bonito val, aló no fondo, cuberto de uces, e outras plantas con flores que fan que pareza unha alfombra, que case da gana de tirarse a rolos por alí abaixo ata chegar ao fondo.

Sigo o camiño, o Maluro ás costas e, alguhas veces, diante Pena Trevinca, pero se un queda lonxe, a outra queda lonxísimo. Camiño adiante, hai que seguir, aparecen neveiros, vales colgados; aquí a primavera vai mais atrasada e hai plantas en plena floración e outras que aínda non floreceron. Coma o día xa avanzou e empeza a quentar o sol, vemos bichos agochándose polas beiras do carreiro.

Trevinca

A volta, ao comezo, foi máis doada, e a espectacularidade da paisaxe non diminuiu en absoluto. Agora víanse cunha luz distinta e tiñamos de frente o que antes deixaramos ás costas.

Foi algo iniciático, foi unha verdadeira lección de xeografía. Foi como se arrincasen as follas dos libros e as pegasen alí. Foi sentir o grande que é a Natureza e o pequena que son eu.

Subir a Pena Trevinca é algo que, cansancio aparte, faite sentir ben contigo mesma. Pasan os días e segues pensando nas cousas que viches, no que sentías cando subías, o que sentías cando baixabas, ata deixar de pensar que fóra de ali había máis cousas: DESCONECTABAS.

Trevinca1