Stephen Hawking, unha mente brillante
Stephen William Hawking naceu en Oxford no ano 1942 e no 1950 mudouse a St. Albans, lugar no que estudou ata que se trasladou á universidade.
Sempre foi un bo estudante, pero tampouco brillante. O seu desexo foi, dende moi novo, estudar Matemáticas, pero debido a que na universidade non había ningún profesor que impartise esa materia naquel momento, decidiu cursar Ciencias Naturais, onde lle concederon unha beca. Unha vez establecido na University College, especializouse en física. O seu titor dixo, dende un principio, que o seu cerebro non era un cerebro calquera, posto que con solo saber que se podía facer algo, el facíao sen necesidade de ver como o facían os seus compañeiros. Isto xa indicaba o seu gran potencial daquela.
Despois de recibir o seu título de grao, fixo os seus estudos de posgrado en Cambridge e, nese mesmo lugar, recibiu o seu doutorado e obtivo tamén unha serie de títulos honorarios.
Ao pouco tempo de chegar a Cambridge detectáronlle esclerose lateral amiotrófica, unha enfermidade que lle producía a perda continua da súa mobilidade muscular. Esta enfermidade foi paralizando todos os seus músculos e rematou por deixalo prostrado nunha cadeira de rodas. Comunícase coas persoas grazas a un aparello xerador de voz que el mesmo manexa a través de leves movementos de cabeza e ollos.
A finais dos anos sesenta, el e o seu amigo Roger Penrose crearon un modelo complexo baseado na teoría da relatividade de Albert Einstein. O teorema trataba dunha singularidade espazotemporal no espazo tempo.
Dende 1970, Hawking empezou a aplicar as súas ideas previas ó estudo dos buratos negros e descubriu unha propiedade notable, foi capaz de demostrar que os buratos negros poden emitir radiación. O éxito que obtivo ao confirmarse esa hipótese fixo que dende aquel momento se dedicase a traballar na unificación de ambas, a relatividade xeral e a teoría cuántica.
En 1971 investigou a creación do Universo e pronosticou que, despois do Big Bang, se produciu a creación de moitos obxectos do tamaño dun protón. Estes mini-buratos negros posuían unha gran atracción gravitacional controlada pola relatividade xeral.
No 1988, Hawking publicou un libro chamado “Unha breve historia do tempo”, que bateu records de ventas. Ademais, esta non foi a súa única publicación, senón que tamén escribiu outras como “O gran deseño”, libro que foi moi criticado debido a que dicía que o Universo non o creou Deus, senón que foi creado pola ciencia. Isto fixo que se desatase unha gran polémica por parte dos representantes de numerosas relixións.
Malia todo isto, Stephen Hawking destaca por todos os coñecementos que lle proporcionou á ciencia e, non só iso, senón que o máis incrible de todo é que todo iso fixoo sen apenas poder moverse, posto que a súa enfermidade llo impide.