S.O.S. Praia das Catedrais
A praia das Catedrias é o segundo lugar de Galicia máis visitado, despois da catedral de Santiago. Pero curiosamente o seu éxito pode chegar a ser a causa da súa destrución.
Son moitas as persoas da comarca, así como o alcalde de Ribadeo (concello no que está situada) e a Deputación de Lugo que están a pedir que se declare a zona como Parque Natural e se elabore un Plan de Protección máis amplo que contemple un control dos aparcadoiros, o acceso de vistitantes ou a habilitación dunha parada do FEVE para achegarse en tren.
Unha das actividades organizadas para chamar a atención sobre este tema foi a convocatoria, o sábado día 6 de setembro, dunha media maratón de 21 km, desde Ribadeo, e facendo coíncidir o remate da proba ao pé dos arcos da praia das Catedrais. Nesta proba participaron arredor de mil deportistas e numerosas persoas que apoiaron a iniciativa.
Na actualidade a praia das catedrais está protexida como Monumento Natural e como LIC, pero de nada valen as declaracións de intencións ou as figuras de protección se non van acompañadas de medidas reais para poñer en valor e protexer aquelo que o merece, e dun respeto das persoas que o visitan. Moitas veces dar a coñecer estes lugares de tan grande valor natural so serve para acelerar a súa degradación.
Diante deste problema só caben dúas solucións, ou poñer trabas e lindes aos visitantes para impedir o seu impacto negativo, cousa que ninguén quere, ou que todos e todas nos fagamos responsables da súa conservación e actuemos en consecuencia.