Síntomas de recuperación da capa de ozono
O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) publicaron unha síntese do informe “Avaliación científica do esgotamento do ozono de 2014”, o que supón a primeira actualización completa da capa de ozono nos últimos catro anos.
Este informe indica que se non estiveran en vixencia determinados protocolos asociados ás emisións de substancias que esgotan a capa de ozono, estas emisións multiplicaríanse por dez no 2050.
Segundo este informe, as medidas adoptadas neses protocolos están permitindo o regreso da capa de ozono ós niveis de 1980.
De acordo cos modelos globais, este protocolo evitaría dous millóns de casos de cancro de pel ata o 2030, ademais de danos oculares e do sistema inmunolóxico, e favorecería a protección da fauna e a agricultura.
Achim Steiner, subsecretario xeral e director executivo do PNUMA, asegura que hai indicios positivos de que a capa de ozono estará recuperándose cara mediados de século.
Se hai algo que é indubidable, é o feito de que as actividades humanas seguirán cambiando a composición da atmosfera. Por isto, o Programa de Vixilancia Global da OMM debe continuar vixiando, investigando e avaliando a situación para proporcionar datos científicos para poder predicir os cambios ambientais como o leva facendo 25 anos.