Sete anos sen capturar reló

7 Xaneiro 2015
reló

Investigadores da Universidade de Vigo e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) atoparon nos sedimentos da ría de Arousa preocupantes niveis da contaminación por cobre, arsénico e chumbo.

O “reló” (Dosinia exoleta), entre  outros moluscos bivalvos, veuse gravemente afectado adquirindo uns altos niveis de chumbo e prohibíndose así a súa captura durante os últimos sete anos, o que favoreceu a reprodución. A consecuencia que tivo a prohibición da captura do reló non tivo unha maior repercusión no salario dos rañeiros pero si era fundamental para cadrar as súas contas.

A que se debe esta gran acumulación destes metais na ría?

reló-lonxa

Hai uns cantos anos usábanse patentes moi fortes con alto contido de chumbo, na actualidade esas pinturas foron substituídas por outras máis lixeiras. Outra das posibles causas da contaminación é o mal funcionamento das depuradoras (EDAR), vertendo residuos no mar poden ser un problema, pero aínda non está determinado a verdadeira orixe destes metais na ría.

Recentemente a consellería do mar realizou unhas análises que mostraron que os niveis de metais foron reducidos. Despois de que se realice unha segunda proba, as rañeiras e rañeiros esperan volver mariscar o reló.