Semana Mundial do Espazo

1 Novembro 2014
semana espazo

A Semana Mundial do Espazo, comprendida entre os días 4 e 10 de outubro, celebra a escala internacional as contribucións da ciencia e da tecnoloxía espacial á mellora da condición humana. O 4 de outubro de 1957 lanzouse ó espazo o primeiro satélite artificial da Terra, o Sputnik 1, o que abriu o camiño para a exploración do espazo e o 10 de outubro de 1967 entrou en vigor o tratado sobre os principios que deben rexer as actividades dos Estados na exploración e utilización do espazo.

Este ano o evento está enfocado na navegación satelital en beneficio da humanidade. Recentemente realizáronse varios lanzamentos de satélites para mellorar o Sistema Global de Navegación por Satélite, como o GPS de terceira xeración operado polo goberno dos Estados Unidos, Glonaas operado pola Federación Rusa, Galileo iniciativa da Unión Europea e Beidou desenvolvido por China. Co aumento dos satélites tamén hai un incremento nas aplicacións da navegación satelital en diferentes áreas como a aviación, o transporte, a agricultura, a prevención de desastres, as estradas e, non esquezamos, o receptor GPS dos smartphones, que permite atopar un camiñoo ou diferentes lugares na túa cidade.