A seda
A seda é unha febra natural formada por proteínas que se emprega, sobre todo, para elaborar tecidos.
Varios tipos de insectos producen seda, pero so a da bolboreta da seda (Bombyx mori) se emprega na industria textil. Xeralmente as sedas son producidas polas larvas antes de completar a súa metamorfose, pero nalgúns casos tamén as producen os adultos.
A secreción de seda é común nalgunhas bolboretas, abellas, vésporas, formigas e arañas.
A bolboreta da eiruga da seda é orixinaria do norte de China, onde se cría desde hai uns 5.500 anos para aproveitar o fío co que a eiruga constrúe o casulo no que se agocha para facer a súa metamorfose a adulto.
O ciclo de vida da bolboreta da seda complétase nuns 60 días, que é o tempo que transcorre entre o nacemento da larva, o desenvolvemento da eiruga, a crisalidación, a saída do adulto e a morte deste despois da posta.
A febra de seda ten sección transversal triangular coas esquinas redondeadas, polo que reflicte a luz dun xeito especial dándolle ao tecido ese brillo característico. Ten unha textura suave e lisa, non esbaradiza. É unha das febras naturais máis fortes, aínda que se debilita coa humidade e cun exceso de exposición á luz solar.
Antes da aparición das febras sintéticas a seda empregouse para facer paracaídas, chalecos antibalas, neumáticos de bicicleta.
O cultivo da seda chámase sericicultura. Pódense criar eirugas da seda como pasatempo, a pequena escala e a nivel industrial. Para levar a cabo esta actividade é necesario dispoñer de espazo e, sobre todo, dun número de árbores produtores de alimento (moreiras) axeitado á cantidade de eirugas que se queren criar.
A cría industrial de eirugas da seda faise en grandes espazos acondicionados con temperatura, luz e humidade controladas, que acollen moitos milleiros de individuos de variedades seleccionadas, para conseguir unha uniformidade no desenvolvemento e a calidade requerida. As eirugas teñen que dispoñer constantemente de alimento fresco suficiente, que se lles suministra dúas veces ao día, e hai que hixienizar e limpar os espazos regularmente.
Os principais países produtores de seda son China (54 %) e India (14 %), seguidos de Uzbekistán, Brasil, Irán, Thailandia, Vietnam, Corea do Sur, Rumanía e Xapón.
Os tecidos de seda foron elaborados por primeira vez na antiga China, posiblemente arredor do 3000 a.C.
Converteuse moi axiña un produto de luxo cunha forte demanda, obxecto de intenso comercio, o que dou nome a unha importante ruta que atravesaba Asia e chegaba a Europa e o norte de África.