Saúde mental por un día
A OMS define a saúde como <<Un estado de completo benestar físico, mental e social, e non so de ausencia de afeccións ou de enfermidades>>
A Organización Mundial da Saúde celebra o 10 de outubro de cada ano o Día Mundial da Saúde Mental. Realízase como un acto a xeito de campaña para concentrar a atención mundial na identificación, tratamento e prevención de algún trastorno emocional ou de conduta destacado ese mesmo ano.
Neste mesmo ano, 2014, a enfermidade sobre a que xirou este evento foi a esquizofrenia, un trastorno que afecta á percepción, á cognición, ao comportamento e ás emocións. Uns vinte e un millóns de persoas padecen esta enfermidade no mundo. Ademais, as persoas que padecen esta enfermidade morren entre 10 e 25 anos antes que a poboación en xeral, xa que adoitan levar un estilo de vida pouco saudable, con hábitos como fumar, consumir alcohol en exceso, ter unha mala alimentación e non realizar actividade física.
Tamén se considera como enfermidade mental o suicidio e o abuso de substancias por parte dos mozos e mozas, que é a terceira causa de morte entre adolescentes en todo o mundo. Isto constitúe un problema mundial e por iso, a OPS está traballando cos países para elaborar programas especiais para nen@s e adolescentes. A elaboración de estratexias apropiadas que enfoquen á saúde mental d@s nen@s, ademais do melloramento dos servizos especializados pode ter un impacto positivo moi forte.