Ruta: da Armenteira á Escusa (Castrove)
Unha camiñada entre os dous puntos máis próximos dunha e doutra abas do monte Castrove que delimita, e domina, a comarca do Salnés, para gozar das súas panorámicas.
Tamén unha ruta de enlace entre a ruta do rego da Armenteira e a ruta do monte Castrove.
COMO CHEGAR:
Chegados ao mosteiro e pasada a “faraonada” de pedra e ferro que fixo a deputación para rematar de afear o seu entorno, collemos unha pista que sobe a dereita e seguímola ata pasar as últimas casas e alí, na curva, onde a estrada cruza o regueiro, deixamos o coche e iniciamos a ruta. Subimos polo carreiro que, deixando o regato á esquerda, remonta o seu curso, máis adiante cruzámolo por unha pontella recén feita de madeira e seguimos ata o punto no que o camiño xira á dereita para volver a cruzalo; de alí mesmo sae un carreiro á esquerda que sube ata chegar a un camiño-pista. Collemos o camiño cara á dereita (costa arriba) ata que se xunta cunha pista forestal, nela collemos á esquerda e seguímola ata chegar a un depósito de auga que atoparemos á nosa dereita; alí podemos optar por subir polo “camiño” que hai antes do depósito e seguilo ata chegar á beira do campo de golf e beireando o campo (deixandoo a nosa dereita) seguir o sendeiro que nos leva á Escusa, ou seguir camiñando pola pista ata chegar a un punto no que a cruza un camiño alí collemos o da esquerda, que despois dunha longa subida nos achega á outra punta do campo de golf e un pouco antes de acadar o peche do campo, un desvío á esquerda que remata no merendeiro da Escusa.
A volta pódese facer polo camiño de ida ou combinar un co outro. Ao pé do depósito hai un camiño que baixa, con bastante pendente, que nos acorta un pouco o traxecto.
Distancia : itinerario vermello4,5 km. (lineal).
itinerario laranxa3,5 km. (lineal).
itinerario verde (só por pista forestal)7,3 km. (lineal).
Dificultade: segundo os tramos (doado pola pista forestal e con grados de complexidade diferentes nos outros percorridos consecuencia, sobre todo, da inclinación do terreo).