Ruta: Cabo Udra
Unha ruta pola península de Cabo Udra, situada no extremo Noroeste da Península do Morrazo, no concello de Bueu entre as rías de Pontevedra e Aldán e fronte aos arquipélagos de Ons e Cíes. Este espazo forma parte da Rede Natura 2000 (LIC Cabo Udra).
O cabo Udra é unha masa de rochas graníticas que forman cantís de media altura e paisaxes de grandes penedos e bolos. A erosión mariña deu lugar a unha gran diversidade de recunchos que acollen unha rica flora e fauna mariñas.
No paseo podemos gozar de fermosas vistas da costa, formación graníticas, elementos etnográficos (chozos, salgazóns) e unha gran biodiversidade. Tamén se pode completar cunha xornada nalgunha das praias (Pedrón, Mourisca ou Ancoradoiro).
COMO CHEGAR:
Desde Bueu séguese a estrada ata Beluso e desde alí está indicado a Cabo Udra. Déixase o coche na explanada de Chan de Esqueiros e faise unha ruta circular seguindo a costa. Pódese ampliar cos numerosos desvíos que hai ás rochas ou ás praias, ou subindo ao cume do Castro de Udra (86 m).
Distancia:5 km(circular)
Dificultade: baixa
Duración: 2-3 horas