Un raro tiburón primitivo en augas galegas

2 Maio 2015
Chlamydoselachus anguineus

Foi pescado un escalo en augas galegas da variedade máis primitiva, a das quenllas anguía (Chlamydoselachus anguineus) que teñen 80 millóns de anos de historia, no Grove por un barco chamado ou Chapeliño, propiedade de Antonio Otero, patrón maior grovense.

O Chapeliño pescouno a dez millas ao oeste da illa de Sálvora. Normalmente este tipo de especies, non se traen a terra xa que non teñen valor comercial. O patrón explicaba que o exemplar tiña vida cando o pescaron e querían levalo a porto por se podían lograr que sobrevivise. Metérono nun viveiro, onde finalmente morreu.

Chámaselle fósil vivente porque o seu aspecto apenas evolucionou nos últimos 50 millóns de anos. Non se parece case á imaxe actual de quenllas. «Ten unha cabeza de saurio encaixada nun corpo anguiliforme», sinala Toño Maño (profesor de letras de Ribeira, afeccionado ao mundo mariño). O seu cranio ten similitudes cos de especies que existiron hai uns 400 millóns de anos.

Aparecen uns dez exemplares cada ano. De feito, cre que pode haber unha poboación estable desta especie nas augas galegas.

Vendo a imaxe da quenlla anguía, calquera diría que topalo de fronte nun fondo mariño podería resultar perigoso. Non obstante non se trata dunha variedade especialmente violenta, non se achega á costa, e non ataca a non ser que se estea a defender. A súa dentada é equivalente á dun congro. O escalo aparecido no Grove, de 177 centímetros, encontrábase en época reprodutora. Ao nacer, esta variedade de quenllas miden uns 39 centímetros. Os machos non adoitan pasar de 163 centímetros e as femias de 135.