Químicos sobre a pel

28 Xaneiro 2015
desodorantes

A pel constitúe unha barreira de protección contra os axentes externos, ademais tamén contribúe en moitos procesos do noso corpo. Na pel existe unha densidade media de 100 a 200 unidades por cm2 de glándulas sudoríparas que axudan a manter unha temperatura corporal constante.

A diario empregamos o desodorante, un cosmético que regula e nalgúns casos impide a transpiración natural da pel, impedindo deste xeito que a suor corporal apareza na área na que foi aplicado. É moi importante coñecer a composición dos produtos que aplicamos sobre a pel, xa que esta os absorbe, pasando estes ao torrente sanguíneo e distribuíndose por todo o corpo. De seren tóxicos, danarían directamente a zona na que se aplicaron e ó resto do corpo indirecta e lentamente. Estes danos continuados poden derivar en enfermidades como o cancro, que consiste na perda de control do crecemento das células e nunha división demasiado rápida das mesmas, e que pode estar provocada por múltiples factores como o contacto con certos químicos ou radiacións, entre outros.

Moitos dos desodorantes actuais conteñen clorhidrato de aluminio, un composto derivado da reacción do aluminio co ácido clorhídrico. O aluminio é un metal que pode ser absorbido pola pel pasando ao sangue e chegando deste xeito ao cerebro e ao resto do corpo. Tamén, aínda que non está demostrado, cúlpase a este composto de estar detrás do cancro de mama, moi estendido a día de hoxe, e aínda que existen outras alternativas naturais igualmente conteñen aluminio, este é o caso do  mineral de alumbre un composto de sulfato dobre de aluminio e potasio que elimina o olor da suor ao interactuar coas bacterias e coa suor. A toxicidade do aluminio para o corpo humano aparece en doses altas, pero afortunadamente, este metal pódese expulsar do noso corpo lentamente a diferenza dos demais metais pesados como o chumbo ou o mercurio, que tenden a acumularse no final da cadea trófica, nos consumidores finais, e unha vez que entra na cadea e nos seus integrantes non se expulsa dándose deste xeito un fenómeno de bioacumulación que é como no caso do aluminio tóxico en cantidades elevadas, pero coa diferenza de que os demais metais pesados non se expulsan e que causan danos ao sistema nervioso central, ao sistema endócrino e o sistema inmunolóxico.