Proxecto Ríos no Asorey: Inspección de outono do Rego de Armenteira

9 Novembro 2014
rego Armenteira

O día 24 de outubro, alumnado dos cursos de 3º ESO C e D, coa axuda dos profesores Víctor, Berta e Majín, participamos no "Proxecto Ríos", que consiste na recollida de diversos datos para comprobar o estado dos ríos de Galiza. O noso centro fai os controis dun tramo de 500 metros, aproximadamente, do rego de Armenteira, afluente do río Umia.

As 10:45 collemos o autobús no instituto, este levounos ata o tramo do río que tiñamos que examinar. Unha vez alí, Víctor explicounos o que iamos facer e como iamos a dividirnos para traballar. Despois disto percorremos uns 50 metros ata chegar a unha mesa onde deixamos as lupas e os recipientes que máis tarde utilizariamos. Cando xa todo estaba preparado e antes de empezar a traballar Víctor entrou na auga cunha especie de truel e colleu “bichería” (invertebrados acuáticos).

Unha vez feito isto dividímonos en dous grupos e un foi con Berta e outro con Víctor e máis tarde cambiamos e o grupo de Berta foi con Víctor e o de Víctor foi con Majín, xa que Berta tiña que marchar. Con Berta e máis con Majín cubrimos a parte da ficha na que había que anotar os datos físico-químicos da auga  e para facelo usamos diferentes aparellos e métodos. Con Víctor identificamos os invertebrados, que antes  collera, coa axuda das lupas e dunha ficha na que aparecían as diversas especies. Unha vez recoñecidos anotamos todas as especies que atopamos na parte da ficha correspondente.

Despois de facer todos os controis necesarios, comprobamos que este río está nun bo estado. Dentro duns meses, en primavera, voltaremos para controlar de novo como seguen as condicións do río.