Proxecto Carpoflor

2 Maio 2015
carpoflor

As invasións vexetais constitúen a segunda ameaza á biodiversidade e a primeira en illas ou espazos illados. O asentamento dunha planta estranxeira nun territorio onde as condicións de hábitat son similares ao seu lugar de orixe, fai que esta xermine, sobreviva, medre e se reproduza. Deste xeito crea novas poboacións auto-sustentables que se expanden de maneira rápida e que representan unha seria ameaza para as especies autóctonas.  Tales especies introducidas, ou exóticas, son referidas como especies exóticas invasoras (EEI).

O Carpobrotus edulis, coñecida comunmente como unlla de gato, é un exemplo de EEI facilmente recoñecible. Encóntrase presente en dunas, rochedos lindantes co mar e marismas. É de folla perenne e cor verde (ás veces púrpura nos extremos),  de porte rastreiro, suculenta e con talos de ata 2 m. As súas flores son moi chamativas, de entre 4 e 6 cm. de diámetro, numerosos pétalos de cor púrpura ou marelo e filamento dos estames sempre amarelos.

O mes pasado, un representante do proxecto CARPOFLOR veu a introducirnos aos alumnos de 1º BACHARELATO A do IES FRANCISCO ASOREY no coñecemento dos impactos producidos polas EEI na zona da costa galega, e propúxonos  entrar nunha rede de observacións dos períodos de floración da  Carpobrotus edulis.

O proxecto consistía en achegarse, cada 15 días, á contorna máis próxima onde houbese distintas poboacións desta planta. A súa finalidade era recoller todos os datos dos diferentes centros que participaban e realizar un mapa de floración de C. edulis para Galicia relacionado coas condicións climáticas.

O noso primeiro día de expedición foi o 18 de abril no illote Outeiroño (A Lanzada). E o noso traballo consistía en:

  1. Fotografar 3 flores representativas de cada poboación.
  2. Dúas fotografías do aspecto xeral da poboación (coa ubicación do lugar para logo ter as coordenadas exactas) .
  3. Realizar un bosquexo do lugar e tamaño aproximado das poboación da planta sobre un mapa.
  4. Recoller os datos climáticos da contorna os cinco días previos á toma das fotografías :

-          Temperatura media, máxima e mínima.

-          Humidade relativa media, máxima e mínima.

-          Horas de humidade foliar.

-          Temperatura de Orballo.

-          Temperatura do aires a 10cm.

-          Horas de frío.

-          Dirección do vento predominante.

-          Chuvia .

-          Horas de luz.

Unha vez recollidos todos estes datos en cada mostraxe, enviaranse por correo electrónico ao Grupo de Ecofisioloxía Vexetal de Vigo, onde se procesarán todos os reunidos polos distintos centros e elaborarase o mapa de floración de Carpobrotus edulis.

carpoflor1