Presenza de auga en Ceres

29 Marzo 2014
Ceres

Ceres conta cun diámetro de 950 quilómetros e é o maior obxecto do cinturón de asteroides, que se atopa nas órbitas de Marte e Xúpiter.

O observatorio espacial Herschel da ESA descubriu vapor de auga no entorno deste planeta anano, o que confirma a presenza dunha superficie de xeo e unha atmosfera.

Ceres é practicamente esférico e pertence á categoría dos ‘planetas ananos’, na que tamén se atopa Plutón. Crese que está formado por varias capas, cun núcleo rochoso rodeado por un manto de xeo.

Durante o estudo realizado recolléronse datos que confirman que a superficie deste obxecto está emitindo chorros de vapor de auga. É a primeira vez que se detecta auga nun cinturón de asteroides, e confirma que Ceres presenta unha superficie de xeo e unha atmosfera.

Herschel non foi capaz de tomar unha imaxe nítida de Ceres, non obstante, os astrónomos puideron determinar a distribución das fontes de vapor de auga na súa superficie ao estudar como variaba o sinal do auga durante durante as 9 horas que tarda o planeta anano en dar unha volta sobre sí mesmo. Practicamente todo o vapor procede de unicamente dous puntos da superficie.

Calcúlase que se están producindo uns 6 quilogramos de vapor de auga por segundo, o que significa que só unha pequena porción de Ceres está cuberta de xeo. Esta hipótese encaixa perfectamente con dúas rexións que se observaron.

Este vapor poderíase xerar a través dun mecanismo de sublimación: o xeo quéntase, e ao facelo, transfórmase directamente en gas, o que provoca que arrastre consigo o po da superficie deixando ao descuberto xeo fresco, co que continúa o proceso.

A comezos do 2015 realizarase a misión Dawn da NASA, que consiste en chegar a Ceres para estudar de preto a súa superficie e monitorizar como evolucionan as emisións de vapor de auga.

Este descubrimento levado a cabo por Herschel achéganos novos datos sobre a distribución de auga no Sistema Solar. Como Ceres constitúe aproximadamente a quinta parte da masa total do cinturón de asteroides, este descubrimento é tan importante para o estudo dos corpos máis pequenos do Sistema Solar, como para axudarnos a comprender mellor a orixe da auga no noso planeta.