Premio Nobel de Química

28 Outubro 2014
Premiuo Nobel Química

Os afortunados gañadores do premio Nobel de química este ano foron Eric Betzig e William E. Moerner, de orixe estadounidense, e o alemán  Stefan Hell. Recibiron este galardón polo seu traballo convertendo o microscopio óptico nun nanoscopio, o que axudou a estudar con gran precisión obxectos que antes eran inalcanzables. Durante moito tempo os científicos non foron capaces de inmiscuirse na vida intima da célula e os seus procesos; este descubrimento axudou a observar moléculas dentro delas e rastrear por exemplo as proteínas que están involucradas no párkinson ou o alzheimer, xa que crían que os microscopios ópticos non podían alcanzar unha resolución superior a metade da lonxitude da onda da luz (0,2 micrómetros), para superar esta barreira física,  empregaron moléculas fluorescentes.

Os principios que fixeron posible a nanoscopia foron varios, primeiramente Hell utilizou raios láser, que estimulan as moléculas fluorescentes facéndoas brillar e posteriormente cancelando o brillo, exceptuando o que se atopa nun volume nanométrico, así obtense unha resolución maior a dos 0,2 micrómetros. O segundo método, a microscopía da molécula individual  foi desenvolvida por Moerner e Betzig por separado, baseándose na capacidade para acender e apagar a fluorescencia das moléculas individuais.  Con esta técnica fotografaban a mesma área numerosas veces cambiando as células que se iluminaban, despois sobrepoñían as distintas imaxes, obtendo unha resolución que alcanzaba o nivel dos manómetros.

O Nobel de química está premiado con 880.000 euros que se dividen  de maneira equitativa entre os tres investigadores.