Plástico como prato principal

Unhas larvas de escarabello son capaces de dixerir plásticos non biodegradables
26 Marzo 2016
Larvas de Molitor tenebrio

Aínda que algúns plásticos poden ser reciclados, outros moitos non, polo que son eliminados de diversas maneiras prexudiciais para o medio ambiente, exportados a países subdesenvolvidos, incinerados ou simplemente tirados sen mais ó vertedoiro ou ó mar. Das 288 toneladas de plástico que se producen o ano, un 10% son tiradas ó mar.

Pero este panorama podería cambiar nos próximos anos grazas as larvas do escaravello da fariña (Tenebrio molitor linnaeus). Estas larvas son coñecidas, en todo o mundo, por infestar  as nosas cociñas cando deixamos un tarro de fariña aberto e, a miúdo, poden chegar a ser unha praga nos almacéns de cereais e grans.

O que a maioría da xente non sabe é que non sempre son prexudiciais para nós, senón que tamén, segundo novos estudos feitos por científicos da Universidade de Stanford (California) e da de Beihang (China), poden ser, nun futuro próximo, as nosas grandes aliadas para loitar contra os problemas que supón a eliminación destes mencionados residuos plásticos que ata o momento non están sendo reciclados.

Como xa se sabía, estas larvas son detritívoras, e dicir, nútrense de restos  de materia orgánica; pero o que estes científicos descubriron é que tamén poden alimentarse de plásticos non biodegradables (ata o de agora só se probou en espuma de poliestireno pero os científicos traballan por poder aplicarllo a outros tipos de plásticos). Isto quere dicir que poden alimentarse deste plástico sen que este dane a súa saúde, e fano grazas a unhas bacterias que teñen dentro do seu aparello dixestivo, facendo que  o 50% do que inxiren acabe convertido en dióxido de carbono, mentres que o restante 50% é excretado en forma de pequenos fragmentos biodegradados.

comedores de plástico

Segundo a investigación cada individuo pode devorar un promedio de 36 miligramos de plástico en apenas 24 horas, degradando o poliestireno e manténdoo dentro do seu corpo neste período de tempo. Ademais o que se descubriu e que algunhas larvas sobreviviron arredor dun mes alimentándose única e exclusivamente deste material. O que determinou este experimento e que as larvas que inxiren este menú exclusivo teñen a mesma esperanza de vida que as que se nutren da comida habitual desta especie.

Mais a cousa non acabou así, pois os científicos, nunha segunda fase da investigación, conseguiron illar as bacterias (Exiguobacterium sp. strain YT2) que fan posible que o plástico poida ser dixerido por estas larvas. E, tras un período de incubación de 2 meses, as bacterias illadas colocadas sobre fragmentos de poliestireno formaban biopelículas e conseguían atravesalos formando cavidades. Neste tempo as bacterias foron capaces de degradar arredor do 7.4% do volume destes fragmentos.

Na mesma fase do experimento os investigadores lograron demostrar que as larvas dixerían o plástico grazas a esta bacteria. Ó engadir un antibiótico (gentamicina) a súa dieta, provocaron a desaparición destas bacterias, e polo tanto, que as larvas perderan o seu “superpoder” de transformar o plástico en CO e en fragmentos biodegradados.

Así que debemos de tratar o noso planeta como o ben máis preciado que temos, e manter os ecosistemas naturais xerados, xa que, ademáis de por outras moitas razóns, en calquer momento poden axudarnos a remendar os nosos erros medioambientais que conlevarán á destrución da Terra.

 

 
See video