Penachos nubosos de Marte

14 Abril 2015
Marte nubes

Distintos astrónomos tomaron imaxes en marzo do 2012 dende diferentes lugares do mundo dun penacho que emerxía en Marte.

Anteriormente, naves espaciais situadas na órbita deste planeta observaran finas capas de nubes no limbo, coa altura máxima de 100 km, pero este penacho en cambio superou os 200 km de altura. Polo momento non é posible explicar este fenómeno co coñecemento que se ten da alta atmosfera de Marte, xa que suporía un risco para futuras misións na órbita baixa do planeta vermello.

A súa atmosfera está caracterizada por ventos que arrastran e elevan o po dende a superficie ata os 50 km de altura. Aí fórmanse nubes delgadas de cristais pequenos de xeo e dióxido de carbono que en ocasións alcanzan os 100 km de altitude. Estes son os fenómenos dos que ata agora se tiñan imaxes, polo que o penacho fotografado resultou ser un descubrimento do máis interesante.

Analizando as mellores imaxes que se puideron obter do penacho, que apareceu na rexión de Terra Cimmeria, en latitudes medias do hemisferio Sur, un equipo da Universidade do País Vasco e os seus colaboradores, desenvolveron un sistema xeométrico para explicar a súa visibilidade.

Un fenómeno parecido a este ocorreu en maio de 1997, no que as imaxes tomadas polo telescopio espacial Hubble amosan a presenza dun penacho semellante en latitudes ecuatoriais. Neste caso, non se puido medir a altura con precisión, pero si a reflectividade, o que axuda a saber máis sobre a natureza do fenómeno.

Agora ben, por unha banda podería tratarse dunha simple nube ou pola outra, por unha emisión auroral. Se fora unha nube, de acordo co seu brillo estaría formado por cristais de 0’1 micras  de tamaño e a súa temperatura debería estar arredor dos 50 grados, de acordo co que os modelos actuais de Marte indican.

A outra posibilidade sería que o penacho estivera producido por unha emisión luminosa, xa que na rexión de Cimmeria existe unha intensa anomalía magnética que podería canalizar as partículas cargadas procedentes do exterior e excitar a emisión. Isto implicaría unha emisión mil veces máis potente que a das auroras terrestres, o que polo de agora non é posible.

Marte Nubes