Un paseo polo Serrido
O tramo final do esteiro do Umia é un inmenso areal que queda ao descuberto ao debalar o mar. Un fermoso lugar para dar un longo paseo e gozar da singularidade do entorno, da experiencia de ver o traballo das mariscadoras e da observación de diferentes especies de limícolas, anátidas, corvos mariños, garzas e gaivotas, especialmente nos pasos migratorios de outono e primavera. Ademais da flora e fauna propias dos espazos intermareais.
Tendo como punto de partida e referencia visual a torre de San Sadurniño, pódense facer quilómetros, camiñando sen rumbo fixo, ata as proximidades da illa da Toxa, da que nos separa unha canle non moi ampla, pero de forte corrente, perigosa; ao río Umia, no que podemos darnos un baño, e os sebais da Illeira. Os pés pouco afeitos a camiñar descalzos deben protexerse para evitar os danos das moitas cunchas e areas grosas dalgunhas zonas.
Pódese facer unha ruta guiada polas mariscadoras da asociación Guimatur para coñecer máis de preto o seu traballo e as especies que capturan.
Esta espazo está incluído no LIC “Ons O Grove” e protexido como ZEPA e Humidal Ramsar.
COMO CHEGAR:
Desde Cambados séguese o paseo marítimo ata a Torre de San Sadurniño, onde comeza e remata a ruta.