Outubro 2010

3 Decembro 2010
outubro-2010

Outubro é o décimo mes do ano e ten 31 días. O seu nome deriva de ser o oitavo mes do calendario romano.

Algúns días sinalados:

1: Día internacional das persoas maiores

5: Día mundial dos profesores

12: Conmemoración do descubrimento de América por Cristobal Colón

16: Día Mundial da Alimentación.

24. Fundación da Organización das Nacións Unidas (ONU)

31: Día de Halloween ou Samaín.

No mes de outubro entréganse os Premio Nóbel en Estocolmo (Suecia).

A pedra deste mes é o ópalo e a flor a caléndula.

No campo recóllese o millo, hai pocas verduras nas hortas pero é tempo de coles, acelgas, brécol, coliflor... tamén hai froitas como laranxas, mandarinas, caquis, kiwis... É tempo de cebar os porcos.

Na nosa zona hai uns anos facíase a esfolla do millo. Pañábase o millo e polas noites xuntábase a xente para limpar as espigas, ao rematar facíanse festas, cantábase e bailábase.

Algúns refráns recollidos en Cambados fan referencia aos traballos deste mes: “Polo Pilar, nabos á terra e viño a envasar”, “A verdura de San Simón da para o seu dono e máis para o ladrón”, “Outono a chegar, porco a cebar”.

Non foi un mes moi estable, houbo algunha alerta laranxa e bastantes desfeitas por toda Galicia. O pior día foi o 3 con inundacións e temporais de vento.

O último fin de semana prodúcese o cambio horario, atráse o reloxo unha hora.

 

Datos do tempo:

Temperatura máxima:22,5 ºC(día 12)

Temperatura mínima:6,2 ºC(día 19)

Temperatura media do mes:14,3 ºC

Humidade: 83,8 %

Dirección do vento dominante: NE (16 días)

Velocidade media do vento:10,8 km/h

Vento máis forte:31,6 km/hde media (días 15 e 16) con rachas de ata98,84 km/h

Precipitacións (Media):8,5 l

Día de máximas precipitacións:52,2 l, o día 3

O día diminueu  1 hora e 23  minutos

 

Unha planta: a vide

Un animal: as moscas

Un traballo: pañar o millo

 

De día apáñase o millo

e acarréxase prá casa.

de noite veñen veciños

para axudar á esfollada.