Os trompos
Pode xogar un só, por diversión, ou con outros. Faise nun terreo duro de terra, xeralmente nun camiño. É un xogo típico de utono que actualmente está en desuso.
O trompo é unha peza de madeira de forma cónica, cunha pica na punta e unha parte saínte no outro extremo chamada cú. Os máis correntes teñen unha altura aproximada de 7 cm, incluída a pica, e un diámetro de 4,5 cm na parte máis ancha. Había uns trompos máis pequenos e outros máis grandes chamados carabinas que se facían de madeira na casa.
Para facer bailar o trompo emprégase o chorrillo, cordel ou brenza, un anaco de cordel de aproximadamente1,10 mde lonxitude que se enlea arredor comezando pola pica e deixando unha parte solta para enganchar nos dedos.
Hai dúa maneiras de tirar o trompo para facelo bailar:
-De home: lanzándoo desde arriba á altura do ombreiro, así colle máis forza e pica máis forte na terra.
-De muller: lanzandoo á altura do xeonllo
Ás veces cámbiaselle a pica aos trompos para que teñan saída, que bailen mellor e non queden dentro do círculo.
A buxaina é semellante ao trompo, máis pequena e faise bailar coa man
FORMAS DE XOGAR:
As chuchadas ou cazolas:
Debúxase no chan un círculo ou rancha de tamaño variable, segundo o número de xogadores, empregando o propio trompo coa brenza facendo de compás. Ao comezar o xogo cada rapaz vai botando o seu trompo a bailar e ten que picar dentro do redondel e e rematar de bailar fóra. Se o trompo queda dentro perde o xogo e un compañeiro pode quitalo dándolle unha picada ou chuchada coa punta. Se ás tres veces seguidas de botar o trompo este non baila ponse tamén dentro do círculo ata que o quite outro.
REGRAS:
-Ao bailar o trompo non pode picar fóra do círculo.
-Se non baila só se pode tirar tres veces.
-Se ao rematar de bailar queda dentro do círculo perdes o xogo.
-O que consegue sacar o trompo doutro xogador do círculo dise que fai unha cazola e ao sacalo tres veces ten dereito a golpearllo coa pica do seu trompo e romperllo.
O solto
Consiste en ir botando o trompo sen normas nin espazo determinado. Tamén se pode facer entre varios xogando a dar choques.
VOCABULARIO:
Picar: momento en que o trompo cae na terra ao botalo a bailar.
Chuchada: golpe que lle da un trompo ao outro, normalmente o que baila ao que está quedando.
Cazola: cando cunha chuchada se saca o trompo que está quedando non límites do círculo.
Rancha: nome do espazo circular no que se botan os trompos.
Chochos: golpes que se lle dan coa pica do trompo do gañador ao que perde. Cando son sen importancia (o trompo ten pouca pica) díse que lle lle fai ñañas.
Durnir: dise cando o trompo baila quedo nun sitio e funga.
TRADICIÓN ORAL
REFRÁNS
-Polo San Martiño trompos ao camiño
-Polo San Andrés trompos outra vez
-Por Santa Eulalia trompos á borralla
-En xaneiro, trompos ao fumeiro
-Polo San Amaro Trompos ao tellado (ou ao faio)
-Polo San Antón trompos ao caixón.
DITOS:
-Durnir como unha buxaina
ADIVIÑAS
-Poño a capa para bailar,
quito a capa para bailar,
non podo bailar sen capa
e con capa non podo bailar.
Poño a camisa para bailar (ou a capa)
e para que baile hanma de quitar.
Recollido de “Xogos Populares” (Colexio Público de Castrelo, 1997)