Os “Llanos Orientales de Colombia” (V)

2 Maio 2012
Llanos5

Tres días son pouco tempo, mais nos “Llanos” renden dabondo…

Os tres días de visita aos “Llanos Orientales de Colombia”, sen dúbida, souberon a pouco e deixaron imaxes e relatos que transmiten a clara impresión da riqueza e exuberancia que definen a natureza neste contorno. E para ir rematando esta historia quero facer un persoal percorrido que transmita o concepto da biodiversidade que acolle esta singular paraxe natural, facendo fincapé, sobre todo, naqueles protagonistas animais que polo seu tamaño ou pola súa peculiaridade, para un galego/a, poden resultar máis curiosos ou chamativos.

Nas praderías da sabana de altichaira colombianas, os protagonistas  “herbívoros” non son as cebras nin as xirafas nin os ñus e ollando o horizonte, ao lonxe, pasan totalmente desapercibidos. Pero cando  achegas a vista ao solo, é doado detectar que as formigas e as termitas están por todos os currunchos. Os formigueiros, como miniaturas de conos volcánicos, están omnipresentes ao igual que tamén o están as pétreas construcións que forman os termiteiros. A consecuencia directa é que o depredador, por excelencia, da sabana colombiana non sexa o león ou o leopardo, senón o oso formigueiro. Alí coñécennos como “osos palmeiros” polo seu costume  de trepar ás altas e esveltas palmeiras (alí coñecidas como “morichal de altichaira”) que están sempre presentes nas proximidades dos numerosos cursos de auga. Aínda que na nosa visita non nos atopamos con ningún deles, si quedou moi clara a abundancia deste mamífero, pois nas estradas que cruzan os “Llanos” existen numerosos carteis anunciadores que poñen en aviso aos condutores para que eviten o atropelo de osos palmeiros cando deciden atravesar as estradas.

Llanos-6

Mais formigas e termes, tamén son un manxar para o “armadillo” (os veciños e veciñas do lugar chámanlle “ocarro”) do cal xa tivemos ocasión de falar nun  anterior relato, cando describiamos o desgraciado encontro que un deles tivo cos cans da propiedade, que rapidamente deron conta del, deixando como única testemuña a solitaria “coraza”.

Ademais habitan, nos “Llanos”, outros animais máis temidos e atractivos ca osos palmeiros e “ocarros”. A miña visita coincidiu coa presenza dunha femia de xaguar (Panthera onca) e a súa cría, na propiedade. Referíanse ao carnívoro como leoa e comentaban que levaba alí uns días e que xa tivera tempo de demostrar a súa fereza facendo algúns estragos entre cabalos e  cans. De feito un dos cans que sobrevivira ao fatal encontro, dou fe de quedara moi mal parado. A presenza do xaguar era signo de  perigo na explotación gandeira polo que levaban xa un tempo tentando darlle caza ao felino. Recordo que os ocasionais cazadores lle facían a espera nunha zona da finca onde, pola tardiña,  pastaban tranquilamente os “venados”.  Pero cometeron o erro de mataren a unha cría deste pacífico herbívoro, o que serviu para por alertar aos xaguares que xa non volveron polo lugar. Para este depredador a finca subministráballe unha dieta  abundante e diversa, pois dispuñan de vacas, cabalos, “venados”, “chigüiros” (“capibaras”) e porcos bravos, entre outros, para saciar a súa fame. Por certo, na facenda  había unha cría de porco bravo en catividade  que aparecera perdida e desorientada logo dunha noite de tormenta. Tamén, unha tormenta, fora a causa da chegada dun loro en busca de refuxio que,  a diferenza do pequeno xabarín, o paxaro parlante atopábase cómodo e non necesitaba dunha corda, coma o mamífero, para permanecer no lugar.

Os réptiles son habitualmente abundantes nestas latitudes e con estas condicións climáticas e naturais, aínda que os seus costumes fannos máis difíciles de observar. Pero dun xeito ou doutro, aí están. Nadando nos regatos e achegándose ás balsas de “tilapias” como as anacondas ou os caimáns ou, en ocasións, descansando por riba da túa cabeza, como as iguanas, de máis dun metro de longo, que repousaban nas polas da árbore do mango que nos asombraba a vivenda. Sempre apaciblemente deitada, pero alerta ante calquera perigo. Había uns días, o sono vencera a unha delas e veu parar ao chan sendo esta a súa última aventura pois os cans pronto deron boa conta dela. A verdade é que os cans, amansados durante miles de anos polos seres humanos, son unha verdadeira praga para moitos animais salvaxes e nesta viaxe damos fe delo.

Nunha ocasión, Pedro, invitoume a acompañalo nun paseo polas proximidades do valado da finca. Díxome que nese percorrido adoitaba encontrar serpes, aínda que non foi o caso ese día. Dicía que eran bastante comúns e que Manuel, o capataz da finca, tivera varios encontros desagradables con estes réptiles. Que recentemente viña de pasar unha convalecencia dun mes no hospital por unha mordedura de serpe que estivera a piques de mandalo ao máis alá. Semella que con anterioridade a este feito, Manuel adoitaba traballar descalzo no campo, incluso entre a maleza e que en varias ocasións pisara a serpe que non aceptou de bo grao a intromisión. Semella que Manuel aprendeu da experiencia e agora xa traballa cos pes protexidos nunhas botas de goma.

Pero se por algo Colombia pode considerarse un paraíso natural é, sen dúbida,  pola súa abundante, rica e variada avifauna. Pena que nesta viaxe non contara cunha cámara axeitada para fotografar aves, pero aínda así semella que aos presumidos paxaros colombianos lles encantan os pousados. Pero esta é outra  historia da que falaremos no seguinte e derradeiro capítulo.

http://youtu.be/jqv_a-7z-BA