Os “Llanos Orientales de Colombia” (parte III)
Seguindo coa nosa historia nos “llanos”…
Como diciamos anteriormente, a propiedade gandeira dos “Llanos”, posúe unhas antigas balsas onde se cultivou, hai anos, a “tilapia vermella”. Nunha ocasión fixemos un roteiro ata elas. O certo é que foi unha pena non haber retrasado a visita un par de horas máis pois, a media tarde, uns compañeiros de estancia gozaron da visión de comprobar que serviron de “spá” a una femia de “chigüiro” (nome guaraní do roedor chamado “capibara”: Hydrochaeris hydrochaeris,que procede do grego “porco de auga”) que coas súas dúas crías se deran un pracenteiro baño. O chigüiro é o maior roedor que existe (pode acadar ata65 Kg e 1´30 m de lonxitude). É semellante a unha gran rata que vive e se alimenta de herba e de plantas acuáticas que come nos hábitats asolagados. Ademais de ser un mamífero abundante en estado salvaxe en toda a sabana, tamén se cría en catividade como aquí se fan cos porcos, ovellas, etc..
En Colombia, a carne de “chigüíro” considérase un manxar moi apreciado. Adoita verse nos menús dalgúns restaurantes a referencia a este exquisito prato. O único que sinto é a pena de non poder facerlle algunha fotografía e de gozar da súa presenza neste atractivo contorno natural, e por que non; tamén de non telo degustado (teño que dicir que a súa carne tiña “moi boa prensa” entre os meus acompañantes).
As antigas balsas para a cría de “tilapia” poderían reutilizarse de xeito moi doado. Só haberá que adecentalas e enchelas con alevíns do peixe procedentes dunha explotación contigua á propiedade, onde tamén mercamos uns exemplares adultos para ter unha opinión de primeira man sobre a calidade e sabor deste peixe comercial. O maior perigo para o cultivo das “tilapias” son as anacondas ou “güíos” que de cando en vez ascenden polos regatos da sabana e conseguen entrar nas balsas de cría dándose verdadeiros festíns. Contábanos os empregados da explotación que había menos dun ano capturaran unha anaconda de tres metros nestas balsas a pesar de que as teñen protexidas con valados de arame para que non se introduzan con moita facilidade estes réptiles nin outros depredadores (caimáns) que, en ocasións, conseguen penetrar pola canles de alimentación de auga das balsas e fan verdadeiros estragos. Por certo, as anacondas capturadas nos últimos anos foron devoltas ao medio natural sen sufrir danos. E non só anacondas e caimáns son afeccionados á tilapia, tamén os picapeixes (de varias especies, algunha de tamaño considerable) teñen os seus postos de vixía nas árbores que abeiran as balsas.
Certamente a “tilapia” é moi saborosa; non defraudou a ninguén dos comensais, dou fe delo. Eu que son de mar, e moi afeccionado ao peixe de auga salgada, e que sempre desconfío do sabor do peixe de auga dóce, ao probalo desenganeime dos meus prexuizos e recoñecín o erro. Tamén, os meus acompañantes, que eran de gustos claramente carnívoros, non deixaron “tilapia” no prato e a opinión xeral sobre o bo sabor deste peixe foi amplamente compartida.