Os “Llanos Orientales de Colombia” (II)
Seguindo coa nosa historia nos “Llanos”…
Aínda que o gando é un dos motores económicos dos “Llanos”, a produtividade das praderías da sabana, da cal depende para alimentarse, non semella moi elevada. Os lavados solos (chamados “lateritas”) son pobres en nutrintes e requiren dunha gran carga de fertilizantes para enriquecelos. Ademais existen certas especies de insectos que, a cotío, forman pragas que causan fortes danos económicos. A máis importante destas pragas é a chamada formiga cortadora que se alimenta da herba das praderías competindo directamente co gando. Resulta moi doado observar as formigas na sabana porque adoita construír uns formigueiros de grandes dimensións que semellan verdadeiros conos volcánicos. O número de colonias que pode haber por hectárea, varía entre as 200 e as 1.350, aproximadamente.
Pero as formigas tamén teñen o seu lado positivo, e semella que son beneficiosas para os solos e para os ecosistemas da sabana. Así, por exemplo, ao recoller grandes cantidades de follas e depositalas en certos lugares, van enriquecendo en nutrintes o solo. Ademais, os niños melloran as propiedades físicas dos solos ao incrementar a drenaxe e a aireación do chan. Incluso hai estudos que afirman que a acumulación de material orgánico dos formigueiros xera condicións favorables para o crecemento e propagación de especies vexetais de bosque, o que significaría que as formigas xogan un importante papel ecolóxico ao reverter as sabanas en bosques.
Ademais, os donos da propiedade, están plantexándose combinar a cría de gando con outras alternativas coma o cultivo da árbore do caucho, ou tamén a cría dun peixe comercial chamado “Tilapia vermella” que, por certo, fritido está ben rico e saboroso (non tiven tempo de probar outras receitas). Precisamente durante a miña curta estancia nos “Llanos”, tiven a oportunidade de visitar unha gran explotación de caucho próxima a onde estabamos vivindo. Semella que, actualmente, o caucho volta a ter moitas posibilidades comerciais. O seu cultivo non ten demasiados requirimentos técnicos, polo que se está asentando coma un cultivo alternativo, nos “Llanos” fronte a outros máis tradicionais. A visita á plantación de caucho resultou moi interesante e satisfactoria, pois o propietario da xoven plantación de caucho (35 hectáreas) amosou, en todo momento, unha gran predisposición a prestar todo o tipo de apoio e asesoramento técnico que fose necesario. Semella que no futuro próximo a pradería herbácea da sabana da propiedade, cederá parte da súa superficie para o cultivo de árbores de caucho; aínda que quen sabe o que deparará o futuro…
Os tres días de estancia que pasei nos “llanos” coincidiume, na propiedade, cunha brigada de obreiros da industria petrolífera. Andaban por alí realizando sondaxes para coñecer a potencialidade do ouro negro nesta propiedade e nas lindantes. Xa cando viñamos de camiño, ao lonxe, podían ollarse as torres dalgunha refinería e o trafego de grandes camións que transportaban tubos e conducións para a industria do petróleo, era constante. De feito, o Departamento do Meta, estase a converter na estrela petrolífera de Colombia (actualmente segundo produtor nacional de Colombia) cunha produción próxima aos 120.000 barrís diarios. O petróleo que produce os “Llanos” non é de gran calidade pero si moi demandado polos mercados para ser utilizado na elaboración de materias primas. Polo que me contaron, o resultado das sondaxes realizadas nas propiedades privadas, non son comunicados aos propietarios polo que a compañía petrolífera ten moita vantaxe para facerse coa potencial explotación.