O xeito en perigo
Un golpe á tradición e á pesca selectiva e respetuosa co entorno e coa especie, que mantén unhas mil familias en Galicia.
Estes días o xeito está tristemente a ser noticia. Unha normativa imposta desde a distancia e o descoñecemento vai facer que 427 barcos das pesca artesanal galega (15 de Cambados) que faenan no interior da auga das rías (de xurisdición autonómica) se vexan obrigados a deixar de traballar. O primeiro golpe deullo a administración española ao contabilizalos nos cupos da sardiña, cando a cantidade que estes barcos pescan é insignificante con respecto a pesca doutras artes. O segundo golpe, e definitivo, quérello dar a Unión Europea ao prohibir o seu uso por consideralo no mesmo paquete que ás grandes artes de deriva.
Aínda que é verdade que o xeito é unha rede de barreira, pero de pequeno tamaño comparada coas volantas (de ata 40 km de lonxitude) e outras artes menos selectivas e respetuosas. Cálase pouco tempo e en entornos case contralodos, nos que no afecta a outras especies. Só captura peixes peláxicos dun tamaño e unhas características determinadas que está controlado polo tamaño da luz das mallas (os animais máis pequenos pasan por dentro delas e os máis grandes non poden entrar) o que limita a cantidade da pesca e fai que sexa de calidade. Todos escoitamos falar da valoración da “sardiña do xeito”.
As pezas do xeito están formadas por redes dun so pano reforzadas arredor por calzas ou cadenetas (pano laso, máis forte). Ármanse en caceas unidas por matafións (anacos de malla ou fíos). Cálanse a profundidade variable coa axuda de boureis ou boias. O peixe malla no aparello ao achegarse ou alonxarse da costa. Logo levántase e desmállase. Traballa a media altura e captura sardiñas, tranchos, bocareus…