Que o pelo volva a medrar xa é posible

12 Xaneiro 2015
pel3d

Nesta imaxe da pel en 3D, en azul observamos os folículos pilosos, mentres que en vermello vemos os macrófagos que os rodean.

O pasado mes de decembro, un equipo de investigadores españois do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) publicaron un artigo no que afirman que é posible rexenerar o pelo. Esta afirmación deriva dun erro nun dos seus experimentos, no que traballaban con ratos aos que se lles subministraban antiinflamatorios e viron, como efecto secundario, que a eses ratos se lles estimulou o crecemento o pelo. Como a inflamación é unha resposta en defensa do organismo, comezaron a buscar explicación a este efecto no sistema inmune,levando a cabo experimentos coas diferentes células que participan no sistema de defensa do corpo.

Ao final, atoparon unha conexión entre o sistema natural de defensas dun organismo e a rexeneración do pelo e a pel, descubrimento que abriu unha nova vía para o tratamento de persoas con alopecia, queimaduras na pel e incluso algúns tipos de cancro.

Así, mediante a modificación de células inmunes, logran estimular o crecemento do folículo piloso. Estas células do sistema inmune, denominadas macrófagos, ademais da súa capacidade rexenerativa, son as encargadas de acabar con patóxenos invasores para manternos sans, combatendo infeccións e reparando feridas. Tamén son as responsables da activación das células nai da pel, feito do que ,ata o de agora, non se era consciente. As células nai son as que permiten que o pelo volva a medrar despois de que caese, grazas á súa capacidade rexenerativa que tamén fai posible repoñer a pel durante toda a vida. A pesar disto, cando estas células perden parte das súas propiedades ou descontrolan o seu crecemento como consecuencia de determinados factores, poden chegar a provocar o envellecemento e incluso ser as causantes dun dos cancros de pel máis común, entre outras enfermidades. Así, grazas ao descubrimento da capacidade dos macrófagos para activar as células nai dos folículos pilosos da pel non inflamada, poderase investigar máis a fondo sobre o cancro, ademais do desenvolvemento de terapias para o cabelo.

Debido ao proceso de apoptose, unha parte de macrófagos morre durante unha fase do ciclo do crecemento do pelo, o que estimula a secreción de factores de macrófagos tanto mortos como vivos, entre os que están as proteínas Wnt, activando así as células nai. É neste momento cando os pelos comezan a medrar de novo.

Agora, os investigadores queren lograr activar as células nai da pel para que medre novo pelo sen ter que recurrir a transplantes, nos que se necesita ter unha fonte donante de cabelo, ademais de conseguir que apareza o pelo nunha determinada zona do corpo e non por todo. Ademais, na actualidade xa están traballando con tecidos humanos, podendo comezar en cinco anos a facer os primeiros ensaios con persoas.