O Patrimonio Marítimo de Galicia no I.E.S Francisco Asorey
Durante este mes de outubro (do día 1 ao 22 ) no noso centro teremos unha exposición sobre o patrimonio marítimo de Galicia (CEIDA). Nesta exposición fálase das embarcacións tradicionais galegas. Danos información sobre que en Galicia naceu a mestura entre as velas triangulares latinas e as cadradas típicas de augas boreais, de como a tecnoloxía foi evolucionando nos barcos. Aínda hoxe navegan preto de 60 barcos tradicionais polas rías.
Tamén atopamos información sobre establecementos industriais relacionados co mundo do mar (almacéns de salga, embarcadoiros, telleiras, fábricas de conservas, cetáreas...), moitos deles presentes nas proximidades de Cambados. Así mesmo, podemos coñecer o mundo dos pescadores e artesáns: como elaboraban os elementos que utilizaban como cestas ou redes, como traballaban os mestres carpinteiros ou como facían de xeito artesán as velas.
As construcións militares e os faros tamén ocupan unha parte importante da exposición, que remata coa revalorización da cultura marítima como unha parte importante do noso patrimonio.
Dinos que as nosas rías son o noso maior tesouro, conta tamén que os lixos e vertidos noxentos que tira a xente ao mar rematan coas actividades tradicionais de beiramar.
Agardamos que os alumnos/as do Asorey e todos os veciños/as de Cambados, que o desexen, se acheguen ao noso centro para visitar esta estupenda exposición.