O mundo da astronomía
Con esta primeira edición, da Buxaina, do ano 2012 ábrese unha nova canle adicada ao mundo da “Astronomía”.
A astronomía é un campo interdisciplinar no que teñen cabida coñecementos de moi diferente índole pero que sen dúbida na actualidade está a supor grandes avances de natureza científica e tecnolóxica para a nosa sociedade.
O motivo para a creación desta nova ventá ao Universo é dobre. Por unha banda, queremos amosar o traballo en torno ao novo proxecto, relacionado co mundo da astronomía, que a Consellería de Educación acaba de conceder ao IES Francisco Asorey. Un proxecto no que un grupo de alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO, co apoio de profesorado de moi diversas especialidades (Bioloxía, Física, Matemáticas, Latín, Inglés, Tecnoloxía, Música, Informática e Filosofía ) tentarán achegarse ao mundo da astronomía desde moi diferentes puntos de vista.
Pero, por outra banda, queremos que esta nova canle dea a oportunidade a todos/as aqueles/as que sintan interese polo “Mundo da Astronomía”, de utilizar esta ventá da Buxaina para dar a coñecer os seus traballos e transmitirnos novos coñecementos e inquedanzas sobre o Universo do cal formamos parte.
Así que, desde este novo espazo, convidamos a todos aqueles/as autores/as e futuros autores/as desta revista dixital do IES Francisco Asorey, a achegarse ao apaixoante mundo da Astronomía; un campo do saber ao que, por outra parte, xa o alumnado do noso centro tivo a oportunidade de achegarse en anteriores ocasións como foi na xornada da “Ciencia na rúa” ou na “Semana da Ciencia” adicada, no seu momento, á astronomía. Así que para “abrir boca” deixámosvos cun vídeo–presentación sobre a historia da astronomía, realizado polo Departamento de Física con motivo da celebración do “Ano da Ciencia2009”adicado, naquela ocasión, á Astronomía.