O millo miúdo
O millo miúdo ou paínzo é un cereal e coñecido dende hai máis de 5000 anos, que ten a súa orixe nalgunha zona de Asia ou África. Existen moitas e diversas versións sobre a orixe do paínzo.
Existe a teoría de que o paínzo foi o sustento da humanidade ata que esta deixou de ser nómada e comezou a cultivar outros cereais. Isto débese a que medra de forma salvaxe sen necesidade de ser cultivado. O que si se coñece, e que os primeiros en realizar o cultivo foron os chineses. Nas zonas europeas aumentou o seu consumo na Idade Media. Actualmente a súa utilización destínase maioritariamente á elaboración de pensos para animais, normalmente para paxaros.
Adáptase ben aos climas áridos, é dicir, tolera altas temperaturas, solos secos, poucas precipitacións e zonas rochosas. Ten un período de cultivo, crecemento e recollida, que non adoita superar os 2 meses e, en comparación con outros cereais, require unha cantidade moito menor de auga. Resiste ben o ataque das pragas pero é atacado polos paxaros.