O mal exemplo de Nauru
A illa de Nauru pertence á República de Nauru, e atópase no Océano Pacífico, a uns 4000 km ó suroeste de Australia.
Esta illa tiña, na súa orixe, un aspecto paradisíaco semellante á imaxe que adoita vendérsenos nas axencias de viaxe: augas cristalinas, praias e un clima tropical.
Porén, esta paisaxe idílica veuse afectada polo coñecemento dunha faceta da illa ata hai un século oculta: a gran reserva de fosfatos que Nauru albergaba.
Os fosfatos, ó ser o principal factor limitante da produción primaria, actúan como fertilizantes, xa que constitúen a única forma absorbible do fósforo polos produtores e, polo tanto, a única vía para que este se introduza na cadea trófica.
As reservas de fosfatos son de gran importancia xa que a súa dispoñibilidade depende dos ciclos xeolóxicos, polo que a súa permanencia en forma de reservas baixo o mar é moi prolongada, e en canto se atopan dispoñibles para o ser humano son explotados de inmediato.
Deste xeito, gran parte da prosperidade desta illa foi debida á explotación dos depósitos de fosfato que albergaba.
A orixe deses depósitos podería ser a acumulación de guano durante miles de anos ou ben de orixe mariño debido ó seu ascenso mediante movementos xeolóxicos.
O problema das reservas de fosfato en Nauru produciuse debido á súa sobreexplotación, que rematou por extinguir as reservas, deixando a illa fronte a un futuro económico incerto.
Como consecuencia desta sobreexplotación, dende un punto de vista medioambiental, Nauru está completamente esnaquizado, sendo un 80% da súa superficie inutilizable debido ós xacementos mineiros e só unha área duns 150 metros cadrados é fértil.
Nauru soamente é un exemplo dos moitos países que realizan actividades insostibles ou que desaproveitan os seus recursos ademais dunha demostración dos desastres que pode ocasionar unha mala xestión e explotación dun recurso.
Cabe reflexionar sobre as consecuencias que traería a desaparición a nivel mundial das reservas de fosfatos, como por exemplo a redución das colleitas debido á falta de fosfato nos lugares de cultivo.
Porén, polo de agora, só podemos esperar que os países que dispoñan dun recurso como o tivo Nauru saiban organizarse e teñan en conta que nada é eterno.