O lado máis humano da ciencia. Orixe da Física

Os catro elementos
21 Outubro 2013
Física

Cara ao ano 600 a.C en Grecia iníciase a ciencia e a filosofía do mundo occidental moderno. Todo o coñecemento enfocábase á natureza. O filósofos presocráticos tamén se enfrontaron a estas preguntas eternas e esenciais, ao igual que facemos nós hoxe. A pregunta máis cuestionada naquela época era: De que está feito o noso Universo?

Estes filósofos tan importantes baseábanse na existencia de catro elementos fundamentais como orixe da Terra. Isto supoñía que toda a materia era a combinación da terra, do aire, do lume e da auga, que proviñan da acción de dúas propiedades: quente/frío e seco/húmido sobre a materia orixinal. Cada un destes elementos foi pensado para existir dunha forma pura, que realmente non podía atoparse na propia Terra.

DEMÓCRITO E O ÁTOMO

Demócrito

Os primeiros físicos son os filósofos da antiga Grecia. Un dos filósofos presocráticos máis relevante é Demócrito. Este desenvolveu a “teoría atómica do universo”, é dicir, que o universo tiña como unidade máis pequena o átomo (ἄτομον), "que non pode dividirse". Esta teoría non apoia os seus postulados mediante experimentos senón que se basea e se explica mediante razoamentos lóxicos. A teoría atomista de Demócrito podería esquematizarse desta maneira:

-Os átomos son eternos, indivisibles,  homoxéneos, incompresibles e invisibles.

-Os átomos diferéncianse só en forma e tamaño, pero non nas súas cualidades internas.

-As propiedades da materia varían segundo o agrupamento dos átomos.

A meirande parte dos termos da Física son gregos: átomo, ánodo, cátodo, electrón, magnetismo, ión, hidroestática, enerxía (que, por certo, ten a mesma orixe que a palabra orgasmo).