O IES Asorey acolle unha exposición e a VIII Gala da Imaxe Submariña de Galicia
Dentro dos actos que o noso centro está a celebrar con motivo do seu 25 aniversario sentímonos moi orgullosos de ser o lugar escollido para este importante evento.
Entre os días 23 e 27 de novembro de 2015 pódese visitar no IES Francisco Asorey de Cambados a exposición fotográfica da Federación Galega de Actividades Subacuáticas (FEGAS). A colección das corenta fotografías que a compoñen correspóndense coas mellores imaxes tomadas por fotógrafos submariños de Galicia nas competicións desenvolvidas baixo o amparo da FEGAS durante o ano 2014.
O sábado 28 de novembro tamén se poderá visitar en horario de tarde.
A partires das 18:00 horas celebrarase a VIII Gala da Imaxe Submariña de Galicia que reunirá ós máis destacados especialistas en imaxe submariña de toda Galicia. Neste evento que conta coa implicación da FEGAS, do IES Francisco Asorey, do Concello de Cambados e da Deputación de Pontevedra, proxectaranse as imaxes obtidas nas competicións realizadas en Galicia durante o ano 2015 baixo o amparo da FEGAS nas súas distintas modalidades (Fotografía Submariña, Vídeo Submariño e Cazafotosub en Apnea) e entregaranse os premios correspondentes a estas competicións. O acto está aberto a todo o público en xeral.