O depredador do océano ameazado polo depredador humano
A mesma aleta que anuncia a súa temida presenza no océano tamén é a principal causa da súa morte. O tiburón atópase ameazado en todo o mundo. A sopa de aleta é tan apreciada nalgúns países asiáticos que se calcula que máis duns 100 millóns de tiburóns morren cada ano só para conseguir as aletas.
Actualmente están protexidos por lei unhas 5 especies de tiburóns das 400 que se coñecen. Non todas se atopan na mesma situación de perigo pero de todos os xeitos trátase dun animal clave que garante a saúde e o equilibrio do ecosistema mariño.
España é o terceiro país que máis tiburóns captura e é o maior exportador de aletas de tiburón ó mercado de Hong-Kong. ACITES, convención da que forman parte 177 países pretende incluír no Apéndice II ó tiburón oceánico, o tiburón martelo, o marraxo sardiñeiro, o peixe serra de auga doce, e por último ós mantaraias co obxectivo de crear un mercado sostible para algunhas das especies de tiburón e raias que se encontran en perigo. Neste Apéndice atópanse as especies que teñen que ter un control estrito no seu comercio para que non chegue a haber perigo de extinción, mentres que no Apéndice I están as especies que están en perigo de extinción e a súa comercialización está prohibida.
Vigo é o porto pesqueiro máis grande e importante de Europa, e é o máis importante do comercio europeo de aletas e carne de tiburón. Durante o ano 2011 subastáronse nel unhas 2.780 toneladas de tiburón. A maior parte da carne de tiburón expórtanse a mercados europeos, especialmente a Italia, e as aletas envíanse principalmente a Hong-Kong. Debido o alto valor das aletas moitas veces son transportadas por avións, mentres que a carne mándase conxelada en cargueiros. En Vigo existen unhas dez empresas que comercian as aletas de tiburón. Os prezos das aletas conxeladas oscilan entre 10 e 30 $/Kg dependendo da especie de tiburón, mentres que o prezo da carne conxelada varía entre 1-2 $/Kg. Nos últimos anos España converteuse nun dos maiores produtores de carne conxelada de tiburón, xunto con Xapón e Taiwán.