O CERN celebra o seu 60 aniversario

6 Outubro 2014
CERN

A Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), celebrou o pasado luns 29 de setembro os 60 anos dende a súa fundación. A este aniversario acudiron delegacións oficiais de 35 países, entre elas a española.

O CERN foi fundado no 1954 e ata o día de hoxe é o maior laboratorio de física de partículas do mundo e ademais é un bo exemplo de colaboración internacional, reunindo a científicos de 100 nacionalidades.

As orixes deste gran laboratorio remóntanse a finais dos anos 40, tras a II Guerra Mundial, onde un pequeno grupo de científicos ademais de investigar na ciencia, uniu as nacións. Durante este tempo, o proxecto de colaboración funcionou moi ben e expandiuse a todos os continentes.

O 29 de setembro do 1954, o CERN constituíuse a través da firma dos primeiros 12 Estados membros (Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Grecia, Italia, Noruega, Países Baixos, Reino Unido, Suecia, Suíza e Iugoslava). Co paso do tempo, distintos países pasaron a formar parte tamén desta gran organización europea, chegando a ser 21 (retirouse Iugoslavia e entraron Austria, España, Portugal, Finlandia, Polonia, Hungría, República Checa, Eslovaquia, Bulgaria e Israel).

España pasou a formar parte do CERN no 1983. É o quinto contribuínte por detrás de Alemaña, Francia, Reino Unido e Italia, cunha cota do 8.28% neste ano. Ademais tamén se achegan outros fondos para financiar a actividade dos grupos de investigación españois que participan en experimentos coma o Gran Colisionador de Hadróns (LHC), ISOLDE ou nTOF.

O LHC permitiu confirmar a existencia da partícula coñecida coma bosón de Higgs. A súa observación é importante para explicar como as outras partículas elementais adquiren propiedades como a masa.

CERN-1

O noso país conta con máis dun centenar de traballadores na plantilla da organización, aos que se suman 354 usuarios e outros colaboradores, sobrepasando as 500 persoas. Máis de 70 empresas españolas participan na construción e mantemento do LHC, obtendo contratos por 252 millóns de euros entre 1998 e 2012, e adquirindo a experiencia necesaria para traballar noutras instalacións científicas internacionais coma ITER, XFEL ou o Observatorio Europeo Austral (ESO).

O CERN dedícase  á física fundamental dirixida a descubrir de que está feito o Universo e como funciona. Dende o 1954 os físicos de partículas avanzaron no coñecemento das forzas e da materia a escalas máis pequenas, desenvolvendo o Modelo Estándar de Física de Partículas, e mellorando o coñecemento do universo e dos seus inicios.