O cerebro non é de fiar
Tódalas persoas tendemos a confiar sen dubidalo nos nosos cinco sentidos básicos, a ninguén se lle ocorre que o noso cerebro poida enganarnos, pero tras varios estudos quedou demostrado que non todo é como cremos ou, máis ben, como o noso cerebro nos fai crer.
A cegueira ó cambio consiste na incapacidade do cerebro humano para detectar variacións visuais no noso entorno, sobre todo se recibimos outros estímulos que desvían a nosa atención, se estes cambios son introducidos de forma gradual, intermitente, ou se son introducidos ou sacados a distintos intervalos de tempo, o que se debe á tendencia do cerebro a seleccionar só a información que considera valiosa e a centrarse nela.
Os falsos recordos son outra das estratexias do noso cerebro, debido a que este non pode captar todo o que ocorre ó noso arredor pero necesita encher as lagoas que se producen na nosa memoria, polo que tende a completalas con recordos falsos baseados nos nosos coñecementos e experiencias.
A privación sensorial pode volvernos vítimas da ansiedade extrema, depresión e comportamento antisocial, xa que se trata dunha situación na que o cerebro non recibe sinais sensoriais, o que lle conduce a unha certa desorientación que fai que comece a crear unha realidade imaxinaria para tratar de encher este baleiro, producindo as alucinacións.
Segundo o efecto McGurk, a nosa visión pode influír no que cremos estar oíndo. Isto débese a que o noso cerebro tende a completar os espazos baleiros e fainos captar cousa que en realidade non están sucedendo, como ocorre cando vemos falar a unha persoa: se nos fixamos no movemento dos labios podemos chegar a crer que escoitamos algo que non estamos escoitando, xa que se o que vemos non coincide co que escoitamos a nosa mente descodifica mal a mensaxe. Durmir pouco ou, aínda que pareza mentira, durmir demasiado, poden deixar o noso cerebro nun estado similar ó de embriaguez, xa que este pode confundirse e deixarnos nun estado a medio camiño entre o sono e a vixilia.
Segundo a Criptomnesia a fantasía pode chegar a mesturarse coa realidade se esqueces cales son as túas fontes de información. Desta maneira o cerebro fainos crer que vivimos sucesos sobre os que limos, soñamos, etc.
A Propiocepción é o sentido que permite ó cerebro recibir toda a información sobre a posición de cada parte do corpo e que regula, entre outros, a dirección e rango do movemento, o control do equilibrio, a coordinación de ambos lados do corpo, permite reaccións e respostas automáticas, etc. Pero tamén pode ser enganado. De feito demostrouse que o cerebro pode chegar a confundir unha man real cunha artificial se están cubertas e, en canto identifica o brazo artificial como parte do seu corpo, a temperatura da man real cae bruscamente, xa que se produce unha restrición do fluxo de sangue nese momento porque o cerebro comeza a negar a súa existencia a nivel fisiolóxico.
Polo que, despois disto, queda demostrado que non nos podemos fiar de ninguén, nin sequera do noso propio cerebro.